A Coruña acollerá catro noites de teatro baixo as estrelas cunha programación que reúne compañías galegas e unha proposta chegada desde Valencia A praia de Santo Amaro volverá converterse este verán nun escenario único para as artes escénicas coa celebración da VII Mostra Internacional Area de Teatro (MIAT), que terá lugar os días 9, 10, 11 e 12 de xullo nunha das contornas máis singulares da cidade.
O evento, patrocinado polo Concello da Coruña e pola Deputación da Coruña, contará unha vez máis coa colaboración da compañía coruñesa Noite Bohemia e do Club del Mar de San Amaro. A mostra ofrecerá catro funcións gratuítas ao aire libre, todas elas ás 22.00 horas, nun espazo privilexiado onde o público poderá gozar do teatro coa area e o mar como pano de fondo.
Como apertura desta sétima edición, o día 9 de xullo celebrarase ás 21.30 horas un concerto inaugural a cargo de Noè Rodrigo previo á primeira representación. A programación deste ano reafirma a vocación da MIAT por impulsar o teatro feito na Coruña, apoiar o talento emerxente e achegar ao público propostas escénicas diversas e innovadoras.
A inauguración correrá a cargo da compañía coruñesa Noite Bohemia, que presentará “Helena”, unha das traxedias máis recoñecidas do seu repertorio.
A formación, consolidada como un dos grandes centros de converxencia cultural da cidade, abrirá unha edición que aposta pola calidade artística e pola conexión directa co público.
O xoves 10 de xullo será a quenda de Raquel Crespo, que levará a Santo Amaro o seu espectáculo “Punto en boca: entre fíos anda o lío”, un unipersonal coproducido co Centro Dramático Galego que está a desenvolver unha exitosa xira por numerosas localidades galegas.
O venres 11 de xullo a compañía As Teimas presentará “Bibidibabidibú”, unha proposta baseada na improvisación teatral que promete unha experiencia diferente en cada representación e unha interacción constante co público asistente.
A clausura da mostra, o sábado 12 de xullo, correrá a cargo de Kalostro Teatro, compañía procedente de Valencia que traerá á Coruña “Tangana”, unha montaxe intrépida baseada nun texto do recoñecido dramaturgo Albert Boronat.
A presenza da formación valenciana reforza a dimensión estatal e internacional dun evento que continúa ampliando horizontes edición tras edición. Ao longo dos últimos anos, a Mostra Internacional Area de Teatro consolidouse como unha das citas culturais máis singulares do verán coruñés, combinando a excelencia artística coa espectacularidade dun espazo natural incomparable.
A proposta permite achegar as artes escénicas a novos públicos nun formato aberto, gratuíto e accesible, convertendo cada noite de función nun encontro entre cultura, paisaxe e cidadanía. A organización anima a veciñanza e visitantes a participar nesta sétima edición e a descubrir unha programación que reúne traxedia clásica, teatro contemporáneo, creación unipersoal, improvisación e novas dramaturxias, todo iso nun dos escenarios máis fermosos da costa coruñesa.
PROGRAMACIÓN VII MIAT
9 de xullo
● 21.30 h | Concerto inaugural – Noè Rodrigo
● 22.00 h | Helena – Noite Bohemia
10 de xullo
● 22.00 h | Punto en boca: entre fíos anda o lío – Raquel Crespo
11 de xullo
● 22.00 h | Bibidibabidibú – As Teimas
12 de xullo
● 22.00 h | Tangana – Kalostro Teatro (Valencia)
Lugar: Praia de Santo Amaro (A Coruña) Entrada: Gratuíta