A Xunta só aplicou medidas de restauración ambiental no 0,16% da superficie queimada en 2025

Os danos das enxurradas en Valedorras son consecuencia da súa inacción.

Menos de 200 das 118.966 hectáreas queimadas en 2025 (o 0,16%) foron obxecto de medidas de restauración efectivas por parte da Xunta. Só o voluntariado de ADEGA interveu en máis de 120 entre outubro de 2025 e abril de 2026.

As recentes enxurradas acontecidas na comarca Valdeorras, que mobilizaron auga e sedimentos dende os montes queimados o pasado verán, amosan as consecuencias do desleixo da Xunta por recuperar a funcionalidade ecolóxica dos territorios afectados polo lume. Seguir centrando a política anti-incendios na extinción, que fagocita case o 75% (159 millóns de €) dos 213 millóns do PLADIGA 2026, relegando a prevención (53 M€) e a formación (0,9 M€) e esquecendo por completo a restauración (0 €), fai que as consecuencias dos lumes atinxan máis aló do periodo de alto risco, o que maximiza os impactos negativos e pon en perigo vidas e facendas.

Desde ADEGA e a comunidade científica temos advertido en numerosas ocasións da necesidade de intervir de urxencia nos territorios afectados polo lume para evitar as perdas de solo polos arrastes das avenidas e recuperar canto antes a funcionalidade ecolóxica deses espazos.

Despois dun incendio, os montes queimados fican desprovistos de coberteira vexetal, o que provoca que o solo perda a súa estrutura e coherencia e sufra un proceso de forte escorra superficial pola chuvia e vento durante un temporal, como o que veu de acontecer na comarca de Valdeorras. Pérdense así enormes cantidades de solo (entre 15 e 170 toneladas por hectárea e ano, Díaz Fierros et. al). Tomando como referencia unha cifra estimada de 24 t/ha e ano, os lumes de 2025 poden ocasionar a perda de 2,85 millóns de toneladas de solo, mobilizado episodicamente cara o fondo dos vales polas avenidas, o que dana traídas, propiedades e mesmo pon en risco a vida das persoas.

Logo da vaga incendiaria do pasado 2025, a máis intensa deste século e que deixou oficialmente en Galiza118.966 hectáreas queimadas (máis de 200.000 segundo o sistema Copernicus da UE), a Xunta anunciou (novembro de 2025) que actuaría con medidas de rexeneración sobre 200 ha consideradas prioritarias polo CSIC, principalmente na provincia de Ourense. Esta superficie supón apenas o 0,16% do territorio queimado, mais en marzo de 2026, e segundo informacións de prensa, só tiña tratado unhas 110 hectáreas con medidas efectivas de restauración e rexeneración hidrolóxico-forestal. Iso si, apurou bastante máis en extraer comercialmente a madeira queimada doutras 6300 ha e encher o monte de pistas, incrementando o risco de erosión.

Nese mesmo espazo de tempo, ADEGA despregou accións de voluntariado para a recuperación dos terreos queimados en 6 concellos (A Rúa, Petín, O Barco, O Bolo, Vilamartín de Valdeorras e Agolada). Mobilizou 120 persoas voluntarias en diversas quendas e interveu sobre unhas 120 hectáreas de territorio con labores de control de erosión, freo de escorrentías e restauración do bosque de ribeira. Tamén deseñou un «pack» coa documentación do ciclo formativo sobre restauración ambiental de zonas queimadas impartido ás persoas que participaron como voluntarias. Se unha entidade como ADEGA puido facelo, que non podería facer a Xunta se tiver vontade política?

Ante a perspectiva doutro verán como o de 2025, agravada pola mudanza climática, a Xunta non pode continuar debaténdose entre a inacción e a confianza nun modelo de xestión dos lumes fracasado. ADEGA lembra que as propostas para minimizar o impacto dos incendios son sobradamente coñecidas, e pasan por combinar mudanzas estruturais, accións concretas e medidas transversais. Por iso, demandamos tanto planos de recuperación a longo prazo debidamente orzamentados como medidas de choque para a protección, restauración e a rexeneración dos terreos queimados. E logo dun lume hai que mitigar no posíbel a perda de biodiversidade e a afectación do solo, para recuperar canto antes os servizos ecosistémicos e evitar o acontecido recentemente en Valdeorras.

Comparte éste artículo
No hay comentarios