A recente decisión de Amalia Bóveda, filla do mártir Alexandre Bóveda, de non participar na inauguración da exposición do cadro de Castelao «A derradeira lección do mestre» no Museo de Pontevedra, constitúe un acto de dignidade e coherencia cívica que pon ao descuberto a cativeza moral do actual Goberno da Xunta de Galicia. Nun momento de perigosa deriva reaccionaria, a súa ausencia é, paradoxalmente, a presenza máis clamorosa dunha verdade que o PPdeG de Alfonso Rueda tenta soterrar baixo dunha capa de verniz institucional e falso galeguismo.
Resulta dunha profunda hipocrisía institucional que o Presidente Rueda e a súa administración pretendan fotografarse diante da obra máis simbólica do noso exilio, pintada por Castelao precisamente en homenaxe a Alexandre Bóveda (Castelao escolleu a súa como faciana do mestre morto), asasinado pola barbarie fascista e a todas as persoas represaliadas polo franquismo, mentres persisten na súa estratexia de negación. Amalia Bóveda denuncia con claridade que non se pode admirar a obra mentres se despreza o motivo polo que foi creada, lembrando que o PPdeG votou en contra de institucionalizar o 17 de agosto como o ‘Día da Galiza Mártir‘ en mais de catro ocasións, tanto na Deputación de Pontevedra como no Parlamento galego.
A actitude de Bóveda supón un punto de non retorno: o PPdeG decidiu habitar definitivamente no terreo da dereita radical e ultradereita españolista, renunciando a calquera pretensión de centralidade. Asumen o revisionismo histórico por medo a Vox. A estratexia de Rueda, lonxe do «sentidiño» que pregoa, é unha claudicación política ante os sectores máis centralistas e involucionistas. Ao inventar conceptos falsos e espurios como o «fascismo de esquerdas» para se situar nunha falsa equidistancia, o Presidente da Xunta non só falta á verdade, senón que insulta a memoria de quen deu a vida pola liberdade.
Amalia Bóveda sinala aqueladamente que o anterior Presidente Feijóo xa practicara un tacticismo baleiro, mais a etapa actual de Rueda ultrapasou os límites da decencia ao procurar o branqueamento político daqueles que negan os dereitos das vítimas e das súas familias.
Dende o ano 2014, os gobernos do PPdeG evitaron deliberadamente levar o recoñecemento dos mártires ao debate parlamentario, fuxindo do control democrático e actuando de xeito partidista. Non se pode soster o pincel de Castelao coa man esquerda mentres coa dereita se borra a nosa memoria e relativízanse as esixencias dos Dereitos Humanos. O galeguismo político, por natureza, é o oposto ao apoio na extrema dereita, e calquera intento de conxugar ambos é un cinismo político non aturábel.
A memoria democrática non é unha ollada ao pasado, senón o alicerce dunha construción colectiva que esixe verdade e xustiza. Amalia Bóveda, ao recoller o premio Pontevedresa 2026, deixou claro que a memoria ha ser o temón para que os mártires desembarquen coa honra da que son merecentes, denunciando que as institucións actuais optaron polo naufraxio antes que polo rescate dos mestres. Xa non valen as escusas nin as demoras: ou se está cos Dereitos Humanos ou se está en contra deles.
En último de contas , a lección de Amalia Bóveda é a dunha Galicia que se nega a ser mercadoría electoral ou decorado para fotos baleiras de contido. O PPdeG de Rueda, ao converter a nosa historia nun escenario de incongruencia política, demostra que a súa única prioridade é a supervivencia partidista á conta de asimilar os postulados máis retrógrados do centralismo madrileño. A elección da mestra Amalia é decisiva porque nos lembra que a dignidade non ten prezo e que a memoria de Galicia non se negocia cos herdeiros da ditadura.
Fotografía Nos Diario