O Concello de Sandiás presentou alegacións ao expediente ambiental da macroplanta de biometano proxectada en Xunqueira de Ambía, ao considerar necesario afondar na análise dos posibles efectos do proxecto sobre o territorio e sobre distintos ámbitos de interese público.
No informe municipal, o Concello sinala a conveniencia de profundar na avaliación dos posibles efectos acumulativos da iniciativa sobre os recursos hídricos, a actividade agraria, a mobilidade, a calidade do aire e a saúde da poboación, e solicita maiores garantías ambientais antes de que o proxecto continúe coa súa tramitación.
Coa presentación destas alegacións, o Concello reafirma o seu compromiso coa protección do territorio, dos recursos naturais e da calidade de vida da veciñanza.
Neste contexto, a plataforma Macroplanta de Biogás na Limia NON e Ecoloxistas en Acción Ourense convocan unha charla informativa para analizar os impactos do proxecto e abrir un espazo de debate cidadán.
A cita terá lugar o martes 30 de xuño, ás 19:00 horas, na Biblioteca Nós de Ourense, e contará coa intervención de Xoán Castro Insua, enxeñeiro agrónomo e investigador, que abordará os posibles efectos da iniciativa sobre o territorio, a actividade agraria e o medio ambiente.
Esta convocatoria súmase á preocupación expresada por numerosos colectivos sociais, entidades e milleiros de persoas que presentaron alegacións durante o período de información pública, poñendo de manifesto a importancia ambiental, agrícola e social que este proxecto ten para a comarca da Limia.