A Concellería de Xuventude do Concello de Lugo abre o prazo de inscrición para unha nova programación de actividades gratuítas incluídas no programa Lugo +XTi 2026, co obxectivo de ofrecer á mocidade alternativas de ocio saudable, formación e aprendizaxe durante os meses de verán.
A oferta inclúe dous obradoiros creativos e artísticos dirixidos a mozos e mozas de entre 16 e 35 anos. O primeiro estará dedicado á arte urbana, muralismo e escultura e desenvolverase os luns e martes de xullo (6, 7, 13, 14, 20, 21, 27 e 28), de 18.00 a 20.00 horas, no Centro Uxío Novoneyra. O segundo centrarase en vídeo e fotografía dixital, os mércores e xoves de xullo (1, 2, 8, 9, 15, 16, 22 e 23), tamén de 18.00 a 20.00 horas e no mesmo espazo.
A programación complétase cun servizo de apoio escolar máis ocio, destinado a rapaces e rapazas de entre 10 e 14 anos. Desenvolverase entre o 8 de xullo e o 14 de agosto no Centro de Convivencia Lamas de Prado e combinará sesións de reforzo educativo cun espazo de lecer acompañado por monitores e monitoras.
Dentro da programación inclúense tamén as xornadas Condu-cero, unha actividade de sensibilización sobre os riscos da combinación de drogas e condución dirixida á mocidade de entre 14 e 35 anos.
A actividade celebrarase os días 16 e 17 de xullo, de 16.30 a 21.30 horas, na Praza Maior, con probas dinámicas e participativas, circuítos, gafas de simulación, xogos de habilidade, música, bebidas sen alcohol e agasallos para as persoas participantes.
Todas as actividades son gratuítas. As inscricións poden realizarse ata o día anterior ao inicio de cada actividade, ou ata completar as prazas dispoñibles.
Máis información e inscricións en www.lugomasxti.org ou no teléfono 982 297 498.