Os senadores advirten tamén de que “o Executivo tampouco ofrece unha data para a finalización das obras do último tramo e a posta en funcionamento da autovía entre Lugo e Santiago na súa totalidade”.
Os senadores do Partido Popular por Lugo José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano revelan que “o Goberno de Sánchez continúa sen ofrecer ningún tipo de prazo para o arranxo dos desprendementos dos taludes laterais da autovía A-54 producidos o pasado inverno á altura de Guntín”.
En varios puntos da autovía continúan instalados sinais de emerxencia e restricións de tráfico derivadas deses desprendementos, incluíndo o corte de carrís de circulación, sen que se estean executando, aparentemente, traballos efectivos de reparación e estabilización. De feito, o propio Goberno confirma que aínda “se están tramitando as actuacións nos taludes da A-54 afectados polas intensas precipitacións da campaña invernal 2025-2026”.
Os populares condenan que “o Goberno de Sánchez non aclare que tipo de actuacións ten previsto nin cales son os motivos da súa demora e, moito menos, cando prevé recuperar a normalidade na vía”. Nese sentido, comparten cos usuarios a súa preocupación sobre “o estado de conservación” dos distintos tramos afectados ante a “posibilidade de que poda afectar á seguridade viaria”, ademais de “producir molestias debido ás restricións á circulación nunha vía de alta capacidade”.
OBRAS DO ÚLTIMO TRAMO A-54
Os populares advirten, ademais, que “tampouco ofrecen unha data para a finalización das obras do último tramo e a posta en funcionamento da autovía entre Lugo e Santiago na súa totalidade”. A este respecto, explican que “o propio Executivo o indica na mesma resposta oficial a pesar de que, nesta ocasión, non formulabamos esta cuestión”. Concretamente, o Goberno asegura que “a través do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, traballa con intensidade para finalizar o antes posible as obras do último tramo da A-54 (Lugo-Santiago de Compostela), entre Melide e Arzúa”.
Os senadores lucenses do Partido Popular lembran que “esta autovía acumula numerosos atrasos dende fai anos” e aínda continúa pendente de finalización completa a pesar de tratarse dunha infraestrutura estratéxica para a vertebración territorial e a mobilidade de Galicia”.
Os representantes populares cren que “todo isto evidencia falta de interese do Goberno de Sánchez non só por culminar a A-54, senón tamén por garantir a súa adecuada conservación e mantemento”, conclúen.