O Concello impulsa a promoción da Vía Künig cun plan de actuacións para 2026

O Concello de Lugo acolleu hoxe a reunión de seguimento do convenio de colaboración da Vía Künig, na que participaron os concellos de As Nogais, Becerreá, Baralla, O Corgo e Lugo para coordinar as actuacións que se desenvolverán ao longo deste ano co obxectivo de continuar impulsando a recuperación, promoción e posta en valor deste histórico itinerario xacobeo descrito polo monxe alemán Hermann Künig no século XV.

A reunión estivo presidida pola alcaldesa de Lugo, Elena Candia, e contou coa participación do concelleiro de Turismo e Museos, Agustín Gallego; do alcalde das As Nogais e presidente do convenio, Jesús Núñez; do director técnico do proxecto, Javier Gómez Vila; e dos representantes dos concellos adheridos ao acordo: Felipe Labrada Reija (alcalde O Corgo); Miguel González Piñeiro (alcalde Baralla) e Manuel Martínez (tenente de alcalde de Becerreá).

O convenio ten como finalidade fortalecer a cooperación entre os municipios polos que discorre esta ruta xacobea para promover o seu estudo, investigación, recuperación e difusión, ademais de coordinar actuacións conxuntas ante as administracións provincial, autonómica e estatal.

Durante o encontro acordáronse as principais liñas de actuación que se desenvolverán durante 2026, cunha partida orzamentaria de 15.000 euros.

As actuacións previstas enmárcanse en accións de divulgación, elaboración dunha guía práctica da Vía Künig e a creación de contidos audiovisuais. Na xuntanza de hoxe acordáronse entre outras actuacións:

  1. ·        Xornada divulgativa “Lugo, cruce de camiños” prevista para o último trimestre do ano
  2. ·        Presentación cómicc sobre vía Kunig
  3. ·        Promoción, mediante  accións de difusión en medios de comunicación.
  4. ·        Mantemento, con actuacións periódicas de conservación da sinalización e limpeza da ruta ao seu paso polos distintos municipios.

A dirección técnica do proxecto continuará correspondendo a Javier Gómez Vila, encargado de coordinar os traballos tanto nos concellos de Galicia como de León polos que discorre este histórico itinerario.

Durante a reunión, a alcaldesa de Lugo destacou a importancia da colaboración institucional para seguir consolidando a Vía Künig como un recurso patrimonial e turístico de referencia: «A Vía Künig representa unha oportunidade para fortalecer a colaboración entre administracións arredor dun proxecto que comparte historia, patrimonio e identidade. Traballando xuntos podemos conservar este legado, mellorar a experiencia dos peregrinos e seguir posicionando Lugo como unha das portas de entrada ao Camiño de Santiago»..

Pola súa banda, o responsable de Turismo e Museos, Agustín Gallego, destacou que «a promoción da Vía Künig supón tamén unha oportunidade para diversificar a oferta turística de Lugo, poñendo en valor un itinerario histórico que contribúe a atraer visitantes durante todo o ano e a dinamizar economicamente o territorio».

Comparte éste artículo
No hay comentarios