O Alcalde da Laracha participou como vogal na Comisión de Vivenda y Urbanismo da FEMP celebrada en Logroño

A presenza de José Manuel López Varela permite á Laracha estar representada nun foro estatal de relevancia no que se analizaron cuestións de relevancia para os municipios.

O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, participou como vogal na reunión da Comisión de Vivienda y Urbanismo da Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP) celebrada en Logroño, na que se analizaron os principais retos que afrontan as administracións locais nesas materias.

Entre os asuntos abordados destacou a presentación do Informe de Boas Prácticas Innovadoras en Materia de Rehabilitación e Renovación Urbana, elaborado pola FEMP en colaboración co Ministerio de Vivienda y Agenda Urbana. O documento recolle experiencias impulsadas por diferentes concellos co propósito de favorecer a rehabilitación do parque residencial existente, revitalizar os núcleos urbanos consolidados e contribuír a mellorar o acceso da cidadanía á vivenda.

Na reunión tamén se trataron outras cuestións de actualidade, como a axilización da tramitación administrativa vinculada ao desenvolvemento de novas vivendas, a colaboración entre as diferentes administracións para dar resposta a este reto e o seguimento das actuacións que a FEMP está a promover neste ámbito.

A presenza de José Manuel López Varela nesta comisión permite que o Concello da Laracha participe de forma activa nun foro de traballo no que se debaten e analizan cuestións de especial relevancia para os municipios, ademais de facilitar o intercambio de experiencias e boas prácticas con representantes doutras entidades locais de toda España.

O alcalde forma parte da Comisión de Vivienda y Urbanismo durante o actual mandato da FEMP, reforzando así a representación institucional da Laracha nos órganos de participación municipal de ámbito estatal e contribuíndo a que o Concello teña voz nos procedementos de reflexión e elaboración de propostas sobre políticas públicas relacionadas coa vivenda e o urbanismo.

Comparte éste artículo
No hay comentarios