O Concello de Lugo activa a roza das pistas do rural cun investimento de 203.000 euros

O Concello de Lugo formalizou hoxe o contrato para a execución dos traballos de roza das pistas municipais do rural, un servizo que permitirá iniciar a próxima semana os labores de limpeza e mantemento da rede viaria das parroquias.

O contrato supón un investimento de 203.280 euros e estruturouse en catro lotes para garantir unha actuación máis áxil e eficaz en todo o territorio rural.

Os lotes 1 e 2, correspondentes ás zonas Leste e Norte, foron adxudicados á empresa Diego Besteiro, mentres que os lotes 3 e 4, que abranguen as zonas Sur e Oeste, serán executados pola empresa Moure.

Os traballos consistirán na roza mecánica das marxes dos camiños municipais mediante tractor equipado con rozadora para a eliminación da vexetación herbácea e arbustiva. Ademais, realizarase roza manual naqueles puntos onde, polas características do terreo, non sexa posible acceder coa maquinaria.

Outras noticias de Lugo: González Abelleira denuncia o abandono das áreas recreativas do rural e esixe a Candia un plan urxente de limpeza

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, destacou que coa sinatura do contrato conclúe a tramitación administrativa e poderá iniciarse a execución do servizo. «O mantemento das pistas do rural é unha prioridade porque repercute directamente na seguridade, na mobilidade e no día a día da veciñanza. Traballamos para que este servizo estea operativo no momento en que máis se necesita».

A tramitación do expediente foi moi áxil xa que as ofertas abríronse o 8 de maio, a Xunta de Goberno Local aprobou a adxudicación o 8 de xuño e, unha vez cumpridos os prazos legais establecidos para a formalización do contrato, este quedou asinado hoxe

Os traballos de roza comezarán a próxima semana e executaranse de forma progresiva nas catro zonas nas que se dividiu o municipio, mellorando a visibilidade nas vías, reforzando a seguridade viaria e facilitando o acceso ás vivendas, explotacións agrarias e fincas do rural.

Comparte éste artículo
No hay comentarios