Maruxa Bardasco: “A Xunta condena a Cervantes a unha atención sanitaria
A veciñanza de Cervantes volveu concentrarse hoxe diante do consultorio de Doiras para denunciar que a falta de persoal médico continúa deixando o concello sen unha atención sanitaria digna. A mobilización evidencia que, malia as reiteradas promesas da Xunta de Galiza, a realidade segue sendo a mesma: o consultorio de Doiras permanece pechado e a cobertura sanitaria, tamén en San Román continúa sendo insuficiente.
As persoas participantes denunciaron que o abandono da atención primaria no concello non só impide recuperar os servizos perdidos, senón que tamén está a provocar dificultades para realizar trámites sanitarios básicos. Como exemplo, unha veciña explicou que, tras chamar esta mesma mañá ao centro de saúde para activar unha receita, comunicáronlle que non poderá facelo ata o vindeiro 5 de agosto porque a profesional encargada está de vacacións e a única médica dispoñible só atende dúas horas ao día.
A responsábel local do BNG en Cervantes, Maruxa Bardasco, asegurou que «é intolerábel que a Xunta pretenda facer crer que a situación está normalizada cando a realidade é que seguimos sen médica suficiente para atender á veciñanza. Nin se reabriu o consultorio de Doiras nin se garantiu unha cobertura sanitaria estábel en San Roman».
Bardasco advertiu ademais de que a situación resulta aínda máis grave en pleno verán, cando a poboación do concello aumenta de maneira considerable. «En lugar de reforzar os servizos sanitarios para responder ao incremento da demanda, a atención médica redúcese, obrigando á veciñanza a soportar esperas, desprazamentos e dificultades incluso para cuestións tan básicas como activar unha receita».
Desde o BNG denuncian que o Goberno galego continúa abandonando o rural e incumprindo a súa obriga de garantir unha sanidade pública de calidade en igualdade de condicións co resto do país.
«Non estamos reclamando privilexios, estamos esixindo un dereito. A Xunta promete solucións que nunca chegan e, mentres tanto, a veciñanza segue pagando as consecuencias. Imos continuar mobilizándonos ata que Cervantes recupere os servizos sanitarios que lle corresponden», concluíu Bardasco.