A Deputación da Coruña destaca o MUGART como “un museo único” que proxecta a cultura galega desde Ribeira ao mundo

O portavoz do goberno provincial, Bernardo Fernández, participou no acto conmemorativo do 25 aniversario do Museo do Gravado de Artes.

O portavoz do goberno da Deputación da Coruña, Bernardo Fernández, participou hoxe no acto de conmemoración do 25 aniversario do Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital, MUGART, celebrado en Ribeira.

No acto, no que tamén se inaugurou a ampliación do Taller de Gravado e a exposición “Xaime Quessada. A imaxe surreal de Galicia”, Bernardo Fernández destacou o papel do MUGART como “un museo único” e como unha referencia cultural “para Ribeira, para o Barbanza, para Galicia e tamén para moitos lugares de fóra de Galicia”.

O portavoz provincial lembrou que o museo naceu no ano 2001 e foi recoñecido xa nese primeiro ano como Ben de Interese Cultural e de Interese Galego. Desde entón, sinalou, consolidouse como unha institución de referencia no ámbito da arte gráfica, cun fondo de máis de 45.000 estampas, unha biblioteca especializada de gran valor e obras que percorren a historia do gravado desde o século XV ata as técnicas máis innovadoras do século XXI.

“O MUGART demostra que desde Artes e desde Ribeira tamén se pode chegar ao mundo. E que a cultura feita con rigor e con paixón non entende de periferias”, afirmou Bernardo Fernández, que puxo en valor o traballo desenvolvido polo museo durante este cuarto de século en materia de conservación, investigación, formación, exposicións, publicacións e colaboracións con outras institucións.

Fernández subliñou tamén a importancia da colección do museo, na que conviven nomes fundamentais da arte universal e galega como Goya, Dalí, Picasso, Miró, Durero, Rembrandt, Castelao, Seoane ou Laxeiro. “Conservar unha colección é importante, pero poñela a disposición da sociedade, estudala, difundila e facela medrar é o que lle dá verdadeiro valor público”, indicou.

O portavoz do goberno provincial tivo tamén palabras de recoñecemento para o director do MUGART, Xoán Pastor Rodríguez, polo seu papel decisivo na consolidación do proxecto. “Os proxectos culturais necesitan edificios, fondos e recursos, pero tamén persoas que crean neles, que os defendan cada día e que sexan capaces de abrir camiños novos”, sinalou.

Durante a súa intervención, Bernardo Fernández lembrou que a Deputación da Coruña apoiou o MUGART con máis de 200.000 euros nos últimos dez anos, contribuíndo ao seu funcionamento, ás súas actividades, ás publicacións, aos obradoiros e á difusión dos seus fondos.

“Fixémolo porque cremos neste museo, porque valoramos o seu papel cultural e porque entendemos que institucións coma esta son imprescindibles para demostrar que a cultura non é patrimonio exclusivo das grandes cidades”, afirmou.

O representante provincial destacou tamén a dimensión formativa do museo, especialmente a partir da creación da Escola de Gravado no ano 2017, pola que pasaron xa centos de alumnos e alumnas, artistas, estudantes e persoas interesadas na arte gráfica. Neste sentido, cualificou a ampliación do Taller de Gravado como “unha excelente noticia” porque permite reforzar o MUGART como espazo de creación, aprendizaxe e investigación.

A celebración do aniversario inclúe tamén a exposición “Xaime Quessada. A imaxe surreal de Galicia”, unha mostra que recupera a obra gráfica do artista ourensán, con restauración de matrices orixinais, impresión de obra inédita, documentación e publicación científica e divulgativa.

Bernardo Fernández felicitou a todas as persoas e institucións que fixeron posible a traxectoria do MUGART durante estes 25 anos. “Nun tempo no que ás veces todo parece efímero, o MUGART representa outra maneira de facer as cousas: con paciencia, con oficio e con ambición. Parabéns por manter vivo un proxecto que naceu arredor dunha idea moi fermosa: que a arte e a cultura tamén poden proxectarse ao mundo desde vilas como Ribeira”, concluíu.

Comparte éste artículo
No hay comentarios