O PP denuncia que PSOE e BNG “renuncian definitivamente” aos centros de día nas residencias provinciais

Antonio Ameijide: “O que fan agora en Trabada é o primeiro exemplo dunha cadea de fracasos. En lugar de dotar de persoal e poñer en marcha os centros de día, tan necesarios e demandados no rural, deciden desmantelar o espazo físico destinándoo a outros usos para tapar a súa nefasta xestión e renunciando a un dos compromisos adquiridos cos veciños da provincia”.

Os deputados do Grupo Provincial Popular denunciaron publicamente a “renuncia definitiva” de PSOE e BNG a poñer en marcha os centros de día provinciais, denuncia realizada tras ter coñecemento dun decreto de aprobación dun contrato menor para a residencia de Trabada, que supón “a eliminación do espazo reservado para o centro de día”.

O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, explicou que este decreto desvela unha realidade que o goberno de Carmela López intentaba camuflar. “Estamos ante a constatación dun engano. PSOE e BNG veñen de aprobar un gasto de 47.764,29€ para ‘obras de reforma para a adaptación dos espazos cesados do Centro de Día ao CAM de Trabada’, ou o que é o mesmo, renunciar por completo ao centro de día para destinar ese espazo a outros usos, privando aos veciños de Trabada dun servizo esencial que se lles prometera”, denunciou.

Antonio Ameijide detallou que estas obras contan cun prazo de execución de catro meses e confirman que o goberno provincial é “incapaz” de xestionar o modelo que tanto anunciaron. O proxecto inicial contemplaba que estes centros albergaran de forma conxunta as prazas residenciais e un servizo de día para os maiores do municipio que non precisaran internamento, permitíndolles seguir vivindo nos seus fogares.

“O que fan agora en Trabada é o primeiro exemplo dunha cadea de fracasos. En lugar de dotar de persoal e poñer en marcha os centros de día, deciden destruír o espazo físico destinándoo a outra cousa para tapar a súa nefasta xestión”, criticou.

Os deputados populares esixen a PSOE e BNG explicacións inmediatas sobre esta renuncia ao centro de día de Trabada e que expliquen se van estender esta decisión ao resto de residencias da rede provincial. “Non imos permitir que se sigan recortando servizos mentres Carmela López mira para outro lado”, concluíu.

Comparte éste artículo
No hay comentarios