O presidente local do Partido Popular de Lugo, Ramón Carballo, lamentou hoxe que o PSOE lucense «volva priorizar a defensa de Pedro Sánchez antes que a defensa dos intereses de Lugo» tras coñecerse que Zaragoza será finalmente a sede da Axencia Estatal de Saúde Pública.
Carballo cualificou de «sorprendente» a reacción dos socialistas, que, en lugar de reclamar explicacións ao Goberno de España por unha decisión que supón un novo revés para a cidade, optaron por responsabilizar á alcaldesa, Elena Candia.
O presidente local do PP lembrou que o actual goberno, dende que hai pouco máis de dous meses, asumiu a alcaldía traballou da man dos funcionarios para completar o expediente da candidatura á Axencia Estatal de Saúde Pública.
«Elena Candia fixo o que lle correspondía como alcaldesa: defender a candidatura de Lugo ata o último momento. Quen tomou a decisión de descartarnos foi o Goberno de España»
Ramón Carballo considera que o PSOE lucense está instalado nunha oposición irresponsable, máis preocupada por buscar un titular contra o Goberno municipal que por defender os intereses dos lucenses.
«Resulta moi significativo que o PSOE non teña nin unha soa palabra de crítica para Pedro Sánchez e, en cambio, dedique todos os seus esforzos a atacar á alcaldesa. Esa é a mellor demostración de onde están as súas prioridades.»
O presidente popular tamén lembrou que o actual Executivo local leva apenas dous meses de mandato e que a candidatura foi impulsada durante o anterior mandato municipal.
Para rematar, Ramón Carballo asegurou que o Partido Popular seguirá defendendo os intereses de Lugo por riba de calquera sigla política, ao tempo que lamentou que «o escaso peso político do PSOE lucense volva quedar en evidencia cando o Goberno de España toma unha decisión estratéxica que deixa a nosa cidade sen unha oportunidade de futuro».
«Lugo merece representantes que defendan a cidade ante Madrid, non representantes que defendan Madrid fronte a Lugo.»
Ramón Carballo: «O PSOE de Lugo equivócase de adversario e volve poñerse do lado de Pedro Sánchez»
No hay comentarios
No hay comentarios