Luis Menor reivindica o valor do Couto Mixto como “un dos grandes símbolos do patrimonio histórico e da identidade da nosa provincia”

O presidente provincial participou no acto de nomeamento dos novos Xuíces Honorarios celebrado en Santiago de Rubiás, onde reafirmou o compromiso da Deputación coa conservación e promoción deste legado único.

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participou hoxe na igrexa de Santiago de Rubiás, en Calvos de Randín, no acto solemne de nomeamento dos novos Xuíces e Xuízas Honorarios do Couto Mixto, unha celebración organizada pola Asociación de Amigos e Amigas do Couto Mixto que reuniu representantes institucionais, culturais e sociais para render homenaxe a un dos espazos históricos máis singulares de Galicia e da provincia de Ourense.

Na súa intervención, Luis Menor destacou que “o Couto Mixto non é só unha curiosidade da historia, senón unha das expresións máis singulares do patrimonio da provincia de Ourense e de Galicia”, subliñando que este territorio representa “un legado de liberdade, convivencia e entendemento entre pobos que segue plenamente vixente”.

O presidente provincial puxo en valor o papel que desempeña o Couto Mixto como elemento diferenciador da identidade ourensá, lembrando que durante séculos foi un territorio con características institucionais propias que hoxe constitúe un patrimonio histórico e cultural de enorme valor. “Os pobos que coñecen e valoran a súa historia son tamén os que mellor preparan o seu futuro”, afirmou.

Neste sentido, Menor reafirmou o compromiso da Deputación coa protección e difusión deste legado, asegurando que a institución provincial continuará colaborando na conservación da súa memoria, no apoio á investigación, na súa promoción cultural e na valorización dun espazo que representa unha parte esencial da historia da provincia.

Oportunidade para fortalecer a identidade ourensá

“O patrimonio non consiste unicamente en conservar o pasado, senón en transmitilo ás novas xeracións e convertelo nunha oportunidade para fortalecer a nosa identidade e impulsar o desenvolvemento do territorio”, sinalou.

O presidente da Deputación felicitou tamén ás persoas e entidades distinguidas nesta edición como Xuíces e Xuízas Honorarios: a Asociación de Mulleres Rurais A Raia, de Baltar; o fotógrafo Xurxo Lobato; e Marco Franco Neves, recoñecendo a súa contribución á preservación, difusión e posta en valor do patrimonio histórico, cultural e lingüístico vinculado ao Couto Mixto.

O acto contou coa participación do secretario xeral da Lingua, Valentín García; dos alcaldes de Calvos de Randín, Aquilino Valencia, e de Baltar, José Antonio Feijoo; así como doutras autoridades, representantes da Asociación de Amigos e Amigas do Couto Mixto e numeroso público.

A cerimonia incluíu a tradicional entrada do Arcón da Memoria, a lectura da acta, o nomeamento dos novos Xuíces e Xuízas Honorarios, diversas actuacións musicais e, como peche, a introdución dos documentos desta edición no Arcón da Memoria e a interpretación do Himno do Couto Mixto, nun acto cargado de simbolismo que reafirma cada ano a vontade colectiva de preservar un legado único para as futuras xeracións.

Comparte éste artículo
No hay comentarios