O portavoz de Sanidade do PSdeG, Julio Torrado, cargou duramente contra a xestión sanitaria do Goberno galego, á que acusou de actuar sen planificación e con parches. Torrado criticou que, tras rexeitar hai un mes a proposta socialista para un plan extraordinario de urxencias en toda Galicia, o PP presente agora no Parlamento unha proposición de lei de urxencia centrada unicamente na área sanitaria de Ourense.
O deputado socialista cualificou esta medida de insuficiente e advertiu que declarar de difícil cobertura só as prazas de Ourense demostra unha «falta de visión integral do sistema». Ademais, censurou que a norma se vaia tramitar por lectura única, o que ao seu xuízo reflicte a «soberbia» da Xunta en lugar de apostar polo diálogo. Fronte a esta «xestión caótica», Torrado esixiu unha dirección competente no Sergas que impulse contratacións estables e medidas estruturais para toda a comunidade autónoma.