Iria Castro “Castroverde non pode seguir a perder servizos e recortar o período de apertura das piscinas é un exemplo máis de abandono dun servizo público esencial no verán”.
O grupo municipal do BNG de Castroverde rexistrará para o vindeiro Pleno dúas mocións centradas na mellora de servizos e espazos públicos moi utilizados pola veciñanza. As iniciativas buscan, por unha banda, reforzar e dinamizar a feira quincenal e, pola outra, ampliar o período de apertura das piscinas municipais e mellorar os servizos ofertados á veciñanza.
A voceira municipal do BNG, Iria Castro, sinalou que » A feira quincenal é un motor económico e social que o Partido Socialista ten abandonada e precisa unha maior dinamización mentres que as piscinas municipais son un servizo público fundamental durante o verán, especialmente para as familias, a mocidade e as persoas maiores».
A formación nacionalista defenderá varias medidas de mellora da feira que inclúen actuacións de promoción, a adecuación dos espazos para as pulperías, a instalación de baños públicos, entre outras medidas. A feira é patrimonio cultural, ademais dun elemento dinamizador da economía local e do comercio de proximidade.
A segunda moción estará centrada nas piscinas municipais. O BNG solicitará que se amplíe o período de apertura das instalacións, recuperando un calendario que responda ás necesidades da veciñanza, especialmente nun contexto no que as altas temperaturas son cada vez máis frecuentes durante o verán. A formación xa manifestou publicamente a súa preocupación pola redución do tempo de apertura este ano.
Alén das dúas propostas, a formación nacionalista tamén levará rogos para demandar cursos durante todo o ano, unha biblioteca aberta ó público no Paco Pestana ou a necesidade de ter limpos os roteiros do concello.
» Estas dúas iniciativas e as preguntas e rogos que levaremos responden a demandas que nos traslada a veciñanza e o noso compromiso é seguir levando ao Pleno propostas útiles, realistas e pensadas para mellorar o concello. Agardamos que o goberno municipal abandone a confrontación e apoie unhas iniciativas que buscan unicamente facer de Castroverde un concello con mellores servizos e máis atractivo para vivir», concluíu Iria Castro.