O pasado ano, os incendios cebáronse cos espazos naturais protexidos. Do total queimado, cerca do 26% correspondeu á Rede Natura, unhas 38.000 hectáreas, que arde cunha frecuencia de máis do duplo con respecto ao resto do territorio.
Foi a maior afección por extensión queimada e porcentaxe a esta figura de protección europea dende a súa instauración en Galiza en 2004. Os incendios afectaron tamén a outras 8.841 hectáreas en áreas propostas para ampliar a Rede Natura 2000 e incluídas na Estratexia de infraestrutura verde, algunha das cales, como a Serra de Vilamartín, arderon por completo. En apenas unha semana de agosto, en Ourense queimouse o 56,8% do Bidueiral de Montederramo; o 52,4% do Macizo Central; o 20,3% de Pena Trevinca; o 14,8% de Pena Maseira e o 7,5% da Serra da Enciña da Lastra; para un total de 31.837 hectáreas. E en Lugo, a ZEC Ancares-Courel sufriu os incendios máis graves da súa historia, ao queimar un total de 5.389 ha, o 5,2% da súa superficie.
Desleixo e políticas pirófilas
Fronte a esta catastófica realidade (e, coma sempre, a touro pasado), a conselleira Ánxeles Vázquez anunciou para esta tempada, e como “medida estrela” para previr incendios en espazos protexidos, a aplicación de lumes técnicos en Rede Natura entre os meses de marzo e maio, así como elevar a superficie que se pode rozar neles do 20% ao 30%, e o máximo para as queimas do 5% ao 10%. Xa en 2022 modificara pola porta de atrás o Plano Director da Rede Natura a través da “lei de acompañamento” dos orzamentos de 2023, para permitir queimas e rozas en espazos protexidos sometidas unicamente á normativa de incendios.
Con estas medidas, a Xunta contribúe a transmitir a idea de que os espazos protexidos son un risco para a prevención e o control dos lumes, por estaren cheos de «perigosas» matogueiras. Mais é ben sabido que uns hábitats naturais en bo estado (particularmente, as matogueiras húmidas e os bosques maduros) funcionan como freo e cortalumes naturais, aumentan a resiliencia climática, manteñen os servizos ecosistémicos e contribúen a mitigar os efectos dos fenómenos meteorolóxicos extremos.
E o uso do lume como ferramenta preventiva en espazos protexidos, alén de moi cuestionábel dende unha perspectiva científica e conservacionista, supón un factor engadido de risco e de deterioración ambiental. Curioso xeito de protexer os espazos naturais, deteriorando as súas características ecolóxicas e danando a súa funcionalidade…
Ulo o mapa de riscos e o plano de restauración ecolóxica?
Para a actual tempada de lumes, a Xunta renunciou novamente a publicar o mapa de riscos (como obriga a Lei de prevención de incendios no art. 49) para concretar as zonas sensibles á erosión, as posíbeis afeccións sobre os cursos e recursos hídricos, forestais, pesqueiros, infraestruturas… E das cerca de 38.000 hectáreas queimadas en Rede Natura, Medio Ambiente anunciou que actuaría con medidas de restauración sobre 200 ha sinaladas como urxentes polo CSIC, mais en marzo de 2026 só tiña tratado unhas 110.
O PLADIGA 2026, adica 1/4 do seu orzamento (53 de 213 millóns de €) a prevención, sen ningunha medida específica para os espazos protexidos. De restauración xa nin falamos: 0 € para o conxunto do monte galego. Fronte a unha tempada de incendios que se presume moi intensa, o patrimonio natural galego fica novamente ao chou, inerme fronte ao lume e orfo das imprescindíbeis medidas de restauración.
Censura e opacidade institucional
Tras a vaga de incendios do pasado verán, ADEGA solicitou a celebración dunha xuntanza extraordinaria do COGAMADS (Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sustentábel) para que a Xunta informara da afección e consecuencias dos lumes na Rede galega de espazos protexidos. Ánxeles Vázquez, presidenta deste organismo consultivo, denegou a petición.
A día de hoxe, a Xunta aínda non cuantificou a afección dos lumes aos nosos espazos naturais protexidos, nin informou do estado dos hábitats e especies atinxidas, nin detallou que medidas de mitigación e recuperación a curto e medio prazo habilitou para restaurar a funcionalidade e os servizos ecosistémicos destas áreas. Foi ADEGA e non a Xunta a que ofreceu datos contrastados sobre a incidencia real dos incendios nos espazos protexidos, o que constata a magnitude do desastre: a incidencia do lume no patrimonio natural galego foi a máis intensa no que vai de século.
Esta sistemática censura, opacidade e desinformación practicada polas consellarías de Medio Ambiente e Medio Rural pretende tapar o seu desleixo e inoperancia. E as consecuencias destas políticas suicidas acábaas pagando a Natureza e a cidadanía.