O sindicato anima a familias e persoal traballador a que se recollan rexistros térmicos e se esixan medidas correctoras aos responsábeis das escolas que, de non atender estes requirimentos, serán trasladados á Inspección de Traballo. O sindicato tamén esixirá a compensación dos días festivos que coincidan en sábado e o abono do SMI 2026 (1221€) como salario base, sen absorción do CPP (Complemento de Perfeccionamento Profesional), denunciando na rúa e no xulgado ás empresas que desestimen estas demandas.
Despois de moitos centros soportaren nas aulas altas temperaturas de máis de 27ºC,e que se nos trasladasen probas dende as escolas infantís 0-3, a CIG-Ensino denuncia publicamente que se superan con frecuencia os límites térmicos legais máximos de 25ºC, humidade relativa, velocidade do aire e concentración de CO2, o que pon en risco a saúde das traballadoras/es e dos nenos e nenas de entre 0 e 3 anos.
A lexislación vixente estatal, o Real Decreto 486/1997 de lugares de traballo e normativas de saúde laboral, establece límites estritos para garantir o benestar térmico, que son:
Centros de traballo (aulas en xeral e oficinas): A temperatura máxima legal non pode superar os 27 °C, tendo en conta outros parámetros (humidade, aire e CO2).
Escolas Infantís: Nas áreas onde se realiza actividade física moderada ou en contornas vulnerables, como as escolas de 0-3 (onde os menores non regulan a temperatura corporal igual que un adulto), recoméndase non superar os 25 °C.




Diante de aulas que ás veces superan os 30°C nas vagas de calor, a CIG esixe que cando se superen os 25ºC debe de entrar en funcionamento un plan de continxencia que de xeito progresivo vaia implementando medidas preventivas a medida que vaia incrementándose a temperatura. O sindicato propónas seguintes medidas á Consellaría de Política Social, Concellos e asociacións/empresas:
– Instalación de sistemas de climatización, dotando de aire acondicionado ou sistemas de refrixeración sostibles a todos os centros educativos que carezan deles.
– Plans de continxencia: Crear protocolos claros de actuación inmediata para cando se rexistren temperaturas extremas.
– Avaliacións de risco térmico: Incluír o estrés térmico por calor dentro das avaliacións de riscos laborais de cada escola infantil. A avaliación do risco térmico debe realizarse mediante a instalación de termómetros que midan en continuo e os parámetros requiridos.
– Habilitación de zonas climatizadas seguras: estas zonas, como é imposible suspender a actividade, teñen que estar habilitadas en todos os centros para que en función da temperatura, as persoas traballadoras e as crianzas as ocupen por quendas e cada certo tempo.
O sindicato pide a colaboración do persoal traballador e das familias para poder tramitar as denuncias ante a Inspección de Traballo, sempre que os responsables destes centros non tomen as medidas axeitadas antes descritas tras trasladar por escrito as incidencias detectadas. De non haber medidas correctoras estes serían os seguintes pasos:
– Medir a temperatura cun termómetro dentro das aulas.
– Anotar os datos (gardar rexistro do día, hora exacta e o espazo afectado).
– Sacar unha fotografía do termómetro como proba visual.
– Enviar a información á CIG-Ensino, para que o gabinete de prevención de riscos poida interpoñer a denuncia formal e esixir medidas correctoras á administración que corresponda ou empresa concesionaria, así como presentala antea Inspección de Traballo.
Ademais da denuncia formal pola vía legal, a CIG-Ensino, denunciará publicamente na rúa e diante da escola afectada, este incumprimento normativo e informará as familias.
Reclamación do SMI como salario base e compensación dos festivos en sábado
O sindicato tamén esixirá, seguindo o mesmo procedemento que nos excesos de temperatura, o abono do SMI 2026 (1.221€) a todas as escolas infantís 0-3 de xestión indirecta, isto é de concesión pública a unha empresa ou asociación, denunciando na rúa e no xulgado aquelas que absorban os Complementos de Perfeccionamento Profesional. Para iso pon a disposición das traballadoras un serie de formularios.
Así mesmo, de acordo á sentenza 88/2026 da Audiencia Nacional do 19/05/26, baseada en pronunciamentos anteriores do Supremo, os festivos que cadren en sábado, para o persoal que traballe de luns a venres, deben compensarse con dous días libres, para así poder gozar dos 14 festivos que marca o Estatuto dos/as Traballadores/as. Así, as traballadoras que se vexan nesta situación deberán reclamalos por escrito ás empresas e, no caso de ser desestimados, proporcionaralle asesoramento para levalo á vía xudicial e á Inspección de Traballo.