Hoxe foi Boiro. Mañá será outra vila, outra cidade ou outra festa popular de Galicia. Porque o que se viviu esta madrugada non é un feito illado nin unha excepción. É unha realidade que se repite unha e outra vez en numerosos concellos galegos baixo a mirada impasible de administracións que parecen ter asumido que o consumo masivo de alcohol forma parte inevitable das celebracións.
Son case as seis da mañá. A música aínda soa ao lonxe. Nas rúas queda o cheiro da ouriña, os restos de botellas e envases abandonados, e a imaxe de mozos e mozas tirados en portais, bancos ou beirarrúas despois de horas de consumo excesivo de alcohol. Outros continúan percorrendo as rúas cargados con bolsas cheas de bebidas alcohólicas, mentres as ambulancias e os servizos de emerxencia teñen que intervir por intoxicacións, comas etílicos ou pelexas.
A pregunta é tan incómoda como necesaria: en que momento decidimos que isto era normal?
Hai tempo denunciei publicamente esta situación. Advertín do perigo que supón a permisividade institucional fronte ao botellón e ao acceso dos menores ao alcohol. Porén, lonxe de mellorar, o problema segue medrando. Cada ano parecen aumentar os excesos e diminuír os controis, mentres moitos gobernos municipais prefiren presumir da afluencia ás festas antes que afrontar as consecuencias sociais e sanitarias que deixan tras de si.
O máis preocupante é que estamos falando de actividades que, en moitos casos, incumpren claramente a normativa vixente. O consumo de alcohol na vía pública está limitado ou prohibido en numerosos supostos, e a venda ou subministración de bebidas alcohólicas a menores está expresamente prohibida. Con todo, a sensación que perciben moitos cidadáns é que existe unha tolerancia de feito que converte a lei nun mero papel sen aplicación real.
Non se trata de estar en contra das festas nin da diversión. Galicia ten unha enorme tradición festiva e debe sentirse orgullosa dela. O problema aparece cando a festa deixa de ser un espazo de convivencia para converterse nun escenario onde o principal atractivo é o consumo descontrolado de alcohol. Cando os excesos pasan a formar parte da programación non escrita dos eventos, estamos enviando unha mensaxe profundamente equivocada ás novas xeracións.
A inmensa maioría da mocidade galega é responsable, comprometida e sabe divertirse sen caer en comportamentos de risco. Precisamente por respecto a esa mocidade non podemos aceptar que a súa imaxe quede asociada ás pelexas, ás intoxicacións etílicas ou ás escenas de degradación que se repiten durante determinadas celebracións.
Os responsables públicos teñen a obriga de actuar. Deben reforzar a prevención, facer cumprir a normativa, impulsar alternativas de ocio saudable e coordinarse cos corpos de seguridade e os servizos sanitarios. O que non poden facer é mirar para outro lado mentres o problema se agrava.
Galicia merece festas seguras, responsables e compatibles coa convivencia veciñal. Merece gobernos que defendan a saúde pública e que protexan aos menores. E merece unha reflexión seria sobre o modelo de ocio que estamos promovendo.
Porque o verdadeiro éxito dunha festa non se mide polo número de litros consumidos nin pola música que soa ata o amencer. Mídese pola capacidade de celebrar sen poñer en risco a saúde, a seguridade e o futuro da nosa mocidade.