Antonio Ameijide cre que “nada cambiou na Deputación coa nova presidenta” porque “a rede viaria provincial continúa en mal estado” polo que “entendemos que a seguridade non parece ser unha prioridade para esta presidenta nin para o vicepresidente, Efrén Castro”.
“O afundimento da calzada na rúa Xela Arias de Sarria é un exemplo máis do abandono das competencias da Deputación de Lugo por parte do goberno provincial de PSOE e BNG no municipio de Sarria”, segundo manifestan dende o Partido Popular. Nese sentido, esixen que “atenda as infraestruturas de competencia provincial no termo municipal”.
O portavoz provincial, Antonio Ameijide, que visitou a zona xunto ao deputado Héctor Corujo, a portavoz do PP local, Carmen José López, e concelleiros do municipio, incide en que “nada cambiou na Deputación de Lugo coa nova presidenta” porque “a rede viaria provincial continúa en mal estado”. Así, “entendemos que a seguridade dos veciños e veciñas non parece ser unha prioridade para esta presidenta nin para o goberno provincial do que Efrén Castro é vicepresidente”.
Carmen José López lembra que “xa advertiramos da situación desta vía de titularidade provincial, a LU-P-5714, sen que tiveran tomado medidas efectivas para evitar posibles riscos para vehículos, peóns e veciños da zona”.
De feito, o Pleno aprobou por unanimidade unha proposta do Grupo Municipal Popular para instar á Deputación de Lugo a reparar e manter as vías da súa titularidade ao seu paso polo municipio facendo fincapé na situación do tramo urbano da LU-P-5714.
A popular incide en que “esta vía, na rúa Xela Arias, leva semanas valada supoñendo un trastorno no día a día dos veciños e veciñas da zona”. E, ante a falta de avances, “tememos que as vallas e os sinais se convertan en algo permanente”.
Pero a esta hai que sumar o deterioro absoluto doutras vías de titularidade provincial coma a LU-P-5709, a LU-P-5710 ou a LU-P-5701 -que comunica coa parroquia de Céltigos- que xeran prexuízos no día a día dos veciños e usuarios destas estradas. “Non é un caso illado. Fai anos que están en mal estado, pero PSOE e BNG parecen mirar para outro lado”, incide López.
PARQUE MÓBIL
Os medios do parque móbil da Deputación de Lugo “pasan por Sarria para ir a Monforte, pero non paran no municipio para realizar labores de mantemento e conservación nas vías nin provinciais nin municipais”.