O Deputado Miguel Fernández mantivo un encontro co presidente de Somos Unidos polo Cancro, José Manuel Vázquez, no que renovaron o compromiso da institución provincial para financiar, con 5.000€, o 95% desta prestación social.
O Deputado Miguel Fernández mantivo este venres un encontro no Pazo de San Marcos co presidente da Asociación Somos Unidos Polo Cancro, José Manuel Vázquez, no que aproveitaron para renovar o compromiso da Deputación para financiar, con 5.000€, o 95% do servizo de aloxamento gratuíto en Lugo a pacientes con cancro e acompañantes.
“Este convenio é moito máis que unha colaboración económica. É unha forma de garantir que as persoas que atravesan un dos momentos máis difíciles da súa vida conten cun lugar onde sentirse acompañadas, descansar e centrarse na súa recuperación”, valorou Fernández. Destacou que “ningunha persoa debería renunciar a un tratamento ou asumir unha carga económica engadida polo feito de vivir lonxe do HULA”, e engadiu que “entidades como Somos Unidos polo Cancro chegan onde moitas veces a administración non pode facelo por si soa”.
Explicou que este investimento da Deputación de Lugo contribúe a que vivir nun concello rural da provincia non supoña unha desvantaxe á hora de recibir un tratamento médico e que se trata dunha achega “de alto impacto social” porque é un recurso consolidado, amplamente utilizado e moi valorado polas beneficiarias.
O proxecto desenvólvese ao longo de todo o ano e contempla como principais gastos o alugueiro da vivenda, os gastos de comunidade, a calefacción e as subministracións básicas cun orzamento conxunto de 5.265€.