O secretario xeral do PSdeG e portavoz do Grupo Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, reivindicou hoxe o enorme potencial de Galicia no eido da Intelixencia Artificial e esixiulle ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, un financiamento estable e á altura da capacidade científica da comunidade. Así o manifestou durante unha visita ao CiTIUS da Universidade de Santiago (USC), na que estivo acompañado polo candidato socialista en Santiago, Pedro Blanco, e o secretario local, Aitor Bouza.
Besteiro subliñou que o CiTIUS “representa a Galicia que queremos” e criticou que o goberno galego destine o superávit de 191 millóns de euros a pagar débeda cos bancos en lugar de apoiar a ciencia. O líder socialista tachou de «incoherencia» que o PP «pague débeda cos cartos dos galegos mentres rexeita que o Goberno de España lle condone 4.010 millóns de euros», o que supón un terzo da débeda total de Galicia. «O superávit ten que reinvestirse na investigación da universidade pública; non é un gasto, é un investimento que multiplica o valor engadido», sinalou.
O CiTIUS como motor de innovación
Durante a xornada de portas abertas Inside the Lab no Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS), Besteiro defendeu un modelo de desenvolvemento baseado no coñecemento e na colaboración entre investigación, empresa e administración.
Neste sentido, destacou o compromiso do Goberno de España no desenvolvemento do galego na IA a través do Proxecto Nós, en colaboración co CiTIUS e a AESIA. Aludiu así ao recente impulso de preto de medio millón de euros para avanzar na alfabetización dixital en IA, a detección de sesgos, a loita contra a desinformación e o deseño dunha IA ética e fiable.
Pola súa banda, Pedro Blanco situou o CiTIUS como o mellor exemplo para «atraer e reter o gran talento en Galicia» e avogou por facer de Santiago unha cidade máis tecnolóxica e industrial que abra as portas a estes centros e ás empresas do sector.
«Un circo» coas baixas laborais para desmantelar a sanidade
Noutra orde de cousas, o líder dos socialistas galegos cualificou de “trapallada” o plan da Xunta para endurecer o control das baixas laborais, considerándoo “unha nova escusa para desplanificar os servizos públicos e derivar pacientes ao sector privado”.
Besteiro apoiou o recurso xudicial anunciado polos sindicatos e acusou a Rueda de sinalar a médicos e enfermos para tapar a súa «nefasta xestión». «Este circo está montado para que Feijóo marque perfil a nivel nacional», censurou o portavoz do PSdeG, quen concluíu que a prioridade debe ser «preservar a saúde dos traballadores dotando á sanidade pública de recursos para axilizar as probas diagnósticas en vez de desmantelar o servizo».