Localízanse catro corpos na primeira cata arqueolóxica da fosa de Beira (Carral) realizada pola área de Dereitos Civís da Deputación da Coruña e o grupo Histagra

A intervención, impulsada pola institución provincial no marco do convenio coa Universidade de Santiago de Compostela, permitiu localizar os primeiros restos humanos na procura dunha das fosas da violencia franquista do municipio.

A área de dereitos civís da Deputación presentou esta mañá os resultados da primeira cata arqueolóxica realizada na fosa de Beira, no concello de Carral, que permitiu localizar catro corpos. A deputada de dereitos civís, Sol Agra; o alcalde de Carral, José Luís Fernández Mouriño; o arqueólogo forense Edgard Camarós (USC – CISPAC); o historiador Xurxo Antelo (USC – CISPAC); membros das familias das vítimas e a asociación Cultura Aberta de Carral compareceron esta mañá para expoñer os detalles da intervención, que tiña como obxectivo determinar a localización dunha das fosas da violencia franquista existentes neste lugar. As investigacións históricas indican que na contorna da igrexa de Beira foron enterradas, como mínimo, dezaoito persoas asasinadas.

Os traballos desenvólvense no marco do convenio de colaboración asinado entre a Deputación da Coruña e a Universidade de Santiago de Compostela e están coordinados cientificamente polo grupo Histagra (USC-CISPAC) dirixido por Lourenzo Fernández Prieto e Antonio MíguezMacho. Ata o momento localizáronse catro corpos. A exhumación do primeiro individuo xa foi completada e os primeiros rexistros arqueolóxicos documentan signos de violencia compatibles co contexto represivo no que se produciu o enterramento.

Sol Agra destacou que «a localización destes primeiros corpos representa un paso moi importante nun proceso que busca restituír a verdade e a dignidade das persoas que foron asasinadas polo golpe de estado fascista de 1936 e a posteriorrepresión franquista e das súas familias». A deputada subliñou que «non é posible facer xustiza coas vítimas porque nunca se puido xulgar aos asasinos, mais atopar os restos dos asasinados e devolverllos ás súas familias para que podan enterralos dignamente é un acto de reparación. É unha anomalía democrática que vivamos rodeados de fosas cheas de desaparecidos, que nunca se buscaron, cando xa van alá máis de 50 anos da morte do ditador Franco”.

Así mesmo, sinalou que «este proxecto reflicte o compromiso da área de Dereitos Civís da Deputación da Coruña coa defensa dos dereitos humanos e da memoria democrática”. 

Os achados realizados son coherentes coa información recompilada no estudo histórico previo,realizado polo historiador Xurxo Antelo do equipo de Histagra reforzando a hipótese sobre a localización da fosa. Non obstante, será necesario completar a análise antropolóxica e forense, así como o posterior estudo xenético, para confirmar a identidade das persoas exhumadas. Nesta fase da investigación estase a contar coa colaboración de varios familiares das vítimas, cuxa participación será fundamental para facer posible a identificación mediante a comparación das mostras de ADN.

Comparte éste artículo
No hay comentarios