A Coruña acolleu onte dous actos para honrar a memoria das nenas e mulleres que sufriron a represión do Patronato de Protección a la Mujer, institución franquista que estivo operativa ata 1985.
Os actos, organizados pola CGT da Coruña e o Ateneo Aurora, comezaron no barrio do Agra do Orzán. Alí, diante do antigo convento das Adoratrices —na rúa Gregorio Hernández—, onde se situaba un dos centros correccionais desta institución, colocouse unha placa simbólica en recordo das vítimas que padeceron abusos, malos tratos e opresión. O acto contou coa presenza dun grupo de mulleres que viviron en primeira persoa o horror desta institución creada en 1941.
Posteriormente, o salón de actos da Casa Sindical da CGT, que rexistrou un cheo absoluto, acolleu un emotivo faladoiro. A investigadora Belén López Cillero introduciu a xornada ofrecendo un contexto histórico sobre o funcionamento deste organismo durante o franquismo e a súa continuidade na etapa democrática.
A continuación, tres superviventes —Loli G. Benito, Paca Blanco Díaz e Consuelo García del Cid— ofreceron un testemuño sobrecogedor do seu paso por diversos centros do Estado. As tres poñentes fixeron un chamamento á recuperación da memoria histórica e esixiron a reparación institucional necesaria para todas as vítimas dunha ferramenta represiva que se prolongou moito máis aló da morte do ditador.