Ecoloxistas en Acción e o Movimento UIVO convocan unha concentración internacional contra a mina de San Juan na Gudiña

Ecoloxistas en Acción e o Movimento UIVO (Portugal) convocan unha concentración internacional de protesta contra o proxecto mineiro San Juan, promovido pola empresa sueca Eurobattery Minerals, o vindeiro xoves 23 de xullo, ás 9:30 horas, ao pé da igrexa de San Martiño da Gudiña.

A mobilización reunirá representantes de organizacións ecoloxistas e cidadanía de Galiza e Portugal para denunciar a tramitación dun proxecto que, ademais de afectar un territorio de elevado valor ambiental, pretende desenvolverse sen cumprir as obrigas legais en materia de avaliación ambiental transfronteiriza e de consulta ao Estado portugués.

A mina proxectada sitúase a apenas dous quilómetros da fronteira portuguesa, moi próxima ao Parque Natural de Montesinho e ás cabeceiras do río Rabaçal, un curso fluvial de grande importancia ecolóxica e fundamental para o abastecemento de auga potable de numerosas poboacións do concello de Vinhais. A pesar deste evidente carácter transfronteirizo, nin a autorización inicial nin a recente prórroga da concesión outorgada pola Xunta foron sometidas ao procedemento de avaliación de impactos transfronteirizos previsto na normativa europea e no Convenio de Espoo.

A concentración prodúcese nun momento de especial relevancia xurídica para este proxecto. O Xulgado de Instrución nº 1 de Santiago abriu dilixencias para investigar a presunta comisión dun delito de prevaricación na concesión da prórroga de trinta anos da explotación mineira, tras a denuncia presentada por Ecoloxistas en Acción contra o director xeral de Planificación Enerxética e Minas da Xunta e o administrador de Eurobattery Minerals. Segundo a organización ecoloxista, a autorización foi concedida malia existir resolucións xudiciais firmes que obrigaban a someter calquera prórroga a unha nova avaliación de impacto ambiental.

Ecoloxistas en Acción considera especialmente preocupante que a empresa estea promovendo o inicio dos traballos mentres persisten graves dúbidas sobre a legalidade da autorización mineira e sobre o cumprimento da normativa ambiental aplicable. A organización lembra que a protección dos ecosistemas e dos recursos hídricos compartidos entre Galiza e Portugal non pode quedar subordinada aos intereses dunha empresa privada.

A mobilización é impulsada igualmente polo Movimento UIVO, do outro lado da raia, que fará entrega simbólica dunha carta dirixida á alcaldía da Gudiña para expresar a preocupación existente en Portugal polas posibles consecuencias ambientais do proxecto e reclamar o respecto dos compromisos internacionais entre ambos os Estados.

Ecoloxistas en Acción anima á cidadanía, ás entidades sociais e ás persoas comprometidas coa defensa do territorio a participar nesta concentración como mostra de apoio á protección do patrimonio natural compartido e en defensa dunha administración pública sometida ao cumprimento da legalidade.

CONVOCATORIA

Acto: Concentración internacional contra a mina de San Juan.

Data: Xoves, 23 de xullo.

Hora: 9:30-11:00 horas.

Lugar: Igrexa de San Martiño da Gudiña (Ourense).

Convocan: Ecoloxistas en Acción e Movimento UIVO (Portugal).

Comparte éste artículo
No hay comentarios