O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e a alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez, supervisaron o remate das obras, que melloran a seguridade viaria e amplían o espazo destinado aos peóns.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez, supervisaron hoxe o remate das obras de mellora da estrada provincial DP-0105 no núcleo de Cortiñán.
A actuación, iniciada o pasado mes de maio, supuxo un investimento provincial de 213.972,24 euros e centrouse nos primeiros 260 metros da estrada, nun tramo especialmente sensible pola proximidade das vivendas á calzada e pola escasa anchura das beirarrúas coas que contaba a zona.
O obxectivo principal da intervención foi mellorar a seguridade viaria e peonil, reorganizando a circulación e gañando espazo para as persoas nun punto no que convivían de maneira moi directa o tráfico rodado e a actividade residencial.
A principal novidade é a implantación dun único sentido de circulación no tramo reformado, desviando a maior parte do tráfico cara ao ramal que conecta coa estrada nacional N-VI. Esta nova ordenación permitiu ampliar de forma significativa as beirarrúas e mellorar as condicións de accesibilidade e seguridade para os peóns.
Os traballos incluíron tamén a renovación integral do pavimento, coa retirada das zonas deterioradas e a extensión dunha nova capa de aglomerado, así como a instalación de nova sinalización e a plantación de árbores, contribuíndo a mellorar tanto a funcionalidade como a imaxe urbana do ámbito.
Durante a visita, Valentín González Formoso destacou que «con esta obra facemos máis seguro e cómodo para os veciños un tramo no que as vivendas conviven directamente cunha estrada provincial con bastante tráfico».
O presidente incidiu tamén en que «a prioridade da Deputación é sempre mellorar a seguridade na rede de estradas provinciais, pero neste caso crease tamén un espazo máis cómodo para camiñar e vivir».
Pola súa banda, a alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez, valorou positivamente o resultado da actuación e destacou a importancia da ampliación das beirarrúas e da nova ordenación da circulación para mellorar a seguridade e a calidade de vida da veciñanza nesta zona de Cortiñán. Ademais, agarda que «se lle poida dar continuidade ao itinerario peonil tamén no túnel da ponte do tren, en forma de beirarrúas ou dalgún tipo de paso seguro».
A reordenación do tráfico permitirá ademais favorecer unha circulación máis calmada e reducir o paso de vehículos polo núcleo residencial, especialmente do tráfico pesado, unha das demandas trasladadas pola veciñanza e polo Concello durante a planificación da actuación.