A mostra poderá visitarse entre o 27 de xullo e o 7 de agosto no Centro Sociocultural do Picouto, con entrada libre.
A exposición Presas e Mestras. A represión sobre as mulleres na comarca de Celanova, impulsada polo Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, inicia a súa itinerancia polos concellos da comarca coa súa chegada ao Centro Sociocultural do Picouto (Ramirás), onde permanecerá aberta ao público do 27 de xullo ao 7 de agosto.
Tras a súa estrea no Auditorio Municipal Ilduara de Celanova, a mostra continúa agora -coa colaboración do Concello de Ramirás- o seu percorrido co obxectivo de achegar á veciñanza un proxecto que rescata da invisibilidade a historia das mulleres represaliadas durante a guerra civil e a ditadura franquista. A itinerancia polos municipios da comarca responde á vontade de devolver esta memoria aos lugares onde viviron moitas das súas protagonistas.
Comisariada pola historiadora Rosa Cid Galante e cun deseño gráfico de Adriana Pérez, a exposición reúne documentos inéditos, fotografías, expedientes oficiais e testemuños familiares que permiten reconstruír as vidas de decenas de mulleres silenciadas durante case noventa anos. O proxecto é froito de varios anos de investigación desenvolvida polo Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova e conta co financiamento da Secretaría de Estado de Memoria Democrática.
A mostra estrutúrase arredor de dous grandes eixos. Por unha banda, recupera a historia das mulleres encarceradas na prisión de Celanova entre 1936 e 1938, convertida durante os primeiros meses do golpe militar nun cárcere feminino onde foron internadas nais, esposas e familiares de persoas perseguidas polo franquismo. Moitas delas padeceron humillacións, torturas e unha dura represión que marcou para sempre as súas vidas e as das súas familias.
O segundo bloque está dedicado ás mestras depuradas, vítimas da política franquista de eliminación do profesorado identificado cos valores da escola pública, democrática e renovadora da Segunda República. A través dos expedientes de depuración e da documentación conservada, a exposición reconstrúe as consecuencias persoais e profesionais que sufriron estas docentes.
Datos da exposición
- Exposición: Presas e Mestras. A represión sobre as mulleres na comarca de Celanova
- Lugar: Centro Sociocultural do Picouto (Ramirás)
- Datas: Do 27 de xullo ao 7 de agosto
- Entrada: Libre e gratuíta
- Organiza: Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova
- Financia: Secretaría de Estado de Memoria Democrática (Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática).