Carmela López mantén á Deputación no “sectarismo” e na “falta de transparencia” co reparto dos medios do parque móbil aos Concellos da provincia

Os populares esixen “igualdade de trato” a todos os Concellos e a todos os lucenses tamén no reparto do parque móbil, pero “PSOE e BNG téñense negado votando en contra ata en dúas ocasións ás propostas que o Grupo Provincial Popular defendeu ante o Pleno”.

O portavoz do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide, incide en que “o goberno de Carmela López continúa instalado no sectarismo e na falta de transparencia”. Así se manifesta o popular tras coñecer o reparto dos medios do parque móbil da Deputación de Lugo aos distintos Concellos da provincia neste ano 2026.

Ameiijide explica que “a propia presidenta se comprometera no Pleno do mes de maio a entregar a programación dos traballos do parque móbil ata fin de ano”. Pero, despois de ter solicitado formalmente a información a finais do mes de maio, “o que recibimos dous meses despois é unha listaxe de concellos no que se levaron a cabo tarefas durante este 2026 -sen ningún tipo de información detallada-, pero non a programación completa ata finais de ano”. 

“Parece unha burla, pero deixa claro que a pesar de que Carmela López presume de ter cambiado a dirección da Deputación, a realidade é que non cambiou nada: continúa faltando transparencia”, subliña. De feito, “non detallan actuacións nin planificación temporal” das mesmas, “como tiñamos solicitado”. Nese sentido, reiteraremos a nosa petición para que “poñer luz ás actuacións e aos períodos de traballo en cada municipio”.

Iso si, coa listaxe achegada, “evidénciase o reparto sectario dos medios do parque móbil provincial ao dirixir, maioritariamente, estes recursos da Deputación de Lugo a Concellos afíns”. Do total de 15 concellos nos que comunican que actuaron as brigadas -tanto de rego como de limpeza- 10 eran gobernados polo PSOE e 1 polo BNG polo que constitúen o 73% do número total de municipios.

“Isto é unha clara discriminación cara aos Concellos gobernados polo Partido Popular, ou o que é o mesmo, para máis da metade dos veciños e veciñas da provincia”, subliña.

Os deputados populares esixen “igualdade de trato” na cesión das brigadas do parque móbil, xa que “segundo o concello se lles permite o uso en vías municipais fronte a outros que só se lle permite en vías provinciais e baixo a tutela dos cargos socialistas da zona”, engade Ameijide.

O Grupo Provincial Popular ten reclamado ese reparto igualitario no Pleno da Deputación ata en dúas ocasións no último mandato -en xullo do 2023 e en xaneiro do 2025-, pero “o goberno provincial de PSOE e BNG négase. Socialistas e nacionalistas votaron en contra”, aclara.

REPARTO SECTARIO DO DIÑEIRO DE TODOS

“Xa advertíamos da mesma liña sectaria de Carmela López ao fronte do goberno da Deputación” toda vez que “copia ao pé da letra o mecanismo de convenios a dedo” para os Concellos gobernados por PSOE e BNG. “E o reparto dos medios do parque móbil é outro exemplo máis”, subliña o portavoz popular.

Así, condena que “o reparto dos recursos da Deputación de Lugo se xestione en función das afinidades políticas de PSOE e BNG e non das necesidades reais dos Concellos e dos veciños e veciñas da provincia”.

Antonio Ameijide censura “o uso partidista do diñeiro de todos” e insiste en defender “unha institución provincial transparente e que trate a todos os lucenses por igual, con independencia de cal sexa a cor política do  alcalde ou alcaldesa que goberna o seu Concello”. 

Comparte éste artículo
No hay comentarios