O Partido Popular de Lugo vén de comunicar a súa decisión de non participar na Comisión de Festas do San Froilán convocada para hoxe, ao entender que o executivo municipal utiliza este órgano “coma un mero formalismo para comunicar decisións xa adoptadas, sen contar para nada co partido maioritario da corporación”.
Os populares consideran especialmente grave que, dous días antes de que se convocase a primeira comisión, “se anunciasen os contidos das festas nos medios antes de tratarse neste órgano de traballo, o que evidencia a falta de vontade real de participación”.
Dende o Grupo Popular critican que o goberno local “practique un modelo de xestión opaco e excluínte, no que as decisións sobre o programa do San Froilán se toman de xeito unilateral”.
O edil popular, Javier Vázquez, sinala que “non imos avalar unha programación que custa máis dun millón de euros e que se decide de costas ao grupo maioritario e á cidadanía”. Engade que “non é serio pedírmonos que asistamos a unha comisión onde todo está pechado e nin se responden as preguntas con claridade”.
Un San Froilán para todos, non para uns poucos
O PP defende unhas festas “plurais, con rigor e nas que todas as voces conten”, e considera que “o sectarismo do BNG está a empobrecer o espírito participativo co que deberían organizarse as patronais”.