A proliferación do xabaril no casco urbano e nas zonas periurbanas de Lugo pasou de ser un fenómeno illado a unha prioridade de seguridade e salubridade pública. Para frenar a entrada destes animais nos núcleos habitados, representantes do Concello de Lugo, a Deputación Provincial e a Xunta de Galicia mantiveron esta mañá unha reunión de urxencia na Casa do Concello na que acordaron actuar de forma coordinada.
O encontro serviu para trazar unha estratexia conxunta dirixida a combater os riscos asociados a esta especie: desde accidentes de tráfico e perigo para os peóns, ata danos en infraestruturas, espazos públicos e cultivos.
«A lealdade institucional é a única vía para ofrecer solucións reais a un problema de salubridade e seguridade viaria que afecta ao día a día dos lucenses«, destacouse desde o Consistorio ao termo da xuntanza.
Exemplaridade pública e esixencia ao sector privado
O consenso principal das tres administracións parte dunha premisa clara: para afastar o xabaril das vivendas hai que eliminarlle o alimento e o refuxio. Para iso, Concello, Deputación e Xunta comprometéronse a actuar de xeito exemplar na limpeza, roza e desbroce das parcelas e estradas da súa propia titularidade.
Esta intervención pública servirá de aval para esixir o mesmo cumprimento á cidadanía. Neste sentido, o Concello de Lugo lembrará mediante un bando municipal a obriga de manter os soares privados nas condicións legalmente esixibles de ornato e seguridade. A administración local xa advertiu de que activará actuacións de inspección, comprobación e requirimento para garantir o mantemento da biomasa en terreos particulares.
Convenios de prevención e asistencia técnica
Máis alá da limpeza de terreos, a reunión serviu para poñer sobre a mesa ferramentas específicas de actuación:
- Xunta de Galicia: Ofreceu ao Concello a formalización dun convenio de colaboración para a instalación de medidas de prevención específicas (como peches ou elementos de contención) nos puntos críticos de acceso dos animais ao concello.
- Deputación de Lugo: Puxo a disposición o seu equipo de asistencia técnica e ambiental, os seus recursos cartográficos e o compromiso de coordinar accións cos municipios veciños. A institución provincial destacou ademais o reforzo do Plan Provincial de Roza nas marxes da rede viaria da súa competencia.
As tres partes acordaron manter aberta esta mesa de traballo técnica para identificar de xeito continuo as zonas de maior risco e avaliar a eficacia das medidas implantadas.