O vindeiro mércores 12 de agosto, os tres museos científicos coruñeses rematarán a xornada de actividade ás 18.00 horas, dúas antes do habitual na tempada de verán.
O Concello ultima os preparativos específicos de cara á xornada do mércores 12 de agosto, na que a cidade asistirá a un evento astronómico único: unha eclipse solar cuxa fase de totalidade se vivirá entre a tarde e a noite.
Cómpre subliñar que a eclipse poderá verse a partir das 19.30 horas e finalizará ás 21.22 horas, alcanzando a fase de totalidade ás 20.28 horas. É dicir, que a totalidade durará aproximadamente 76 segundos.
Neste sentido, e atendendo ao cariz especial deste día e pola previsión de que milleiros de persoas saian ás rúas da cidade para contemplar o fenómeno, os servizos municipais axustarán o horario de diversas instalacións como os tres Museos Científicos Coruñeses (Aquarium Finisterrae, Casa das Ciencias e Domus), que o mércores pecharán as súas portas ás 18.00 horas -dúas antes do habitual na tempada de verán, cando os tres recintos pechan ás 20.00-.
A este respecto, o vindeiro día 12 está previsto que se autoricen os últimos accesos ao Aquarium ás 17.00 horas, e ás 17.30 horas na Casa das Ciencias e a Domus. O peche das tres instalacións será, pois, hora e media antes de que comece o fenómeno.
A eclipse non será visible desde a Casa das Ciencias pola súa ubicación no parque de Santa Margarida, arrodeada de árbores e edificios. Si será posible velo desde o aparcadoiro exterior do Aquarium Finisterrae e, xa preto da Domus, na contorna das Lagoas, no paseo.
Tal e como subliñou o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, «A Coruña terá o privilexio de formar parte das cidades europeas mellor posicionadas para vivir un evento tan singular, que está a atraer a persoas de moitas partes do mundo e que, tanto en termos de divulgación científica como de impacto socioeconómico, será moi positivo».
Castro lembrou que o Concello vén traballando arreo nos últimos meses para incentivar a visualización da eclipse desde puntos de proximidade nos barrios da cidade, xa definidos e abertos á cidadanía a través dun mapa interactivo dispoñible na web municipal.