Maratón Inferior Resort & Spa: o fútbol convertido nun parque temático

Xa está.

Por fin entendín o proxecto.

Eu, inxenuo de min, pensaba que todo este asunto de Maratón Inferior tiña algo que ver co fútbol. Co estadio. Coas bancadas. Coa xente que leva décadas entrando en Riazor para ver ao Dépor.

Que equivocado estaba.

O que se está preparando alí é moito máis ambicioso.

Benvidos ao Maratón Inferior Resort & Spa, o primeiro complexo vacacional do mundo no que, por casualidade, tamén se xogan partidos de fútbol.

Porque, postos a imaxinar, imaxinemos ben.

O primeiro que haberá que facer será eliminar esas cousas incómodas que sempre tiveron os estadios, afeccionados de pé, bandeiras, bufandas, xente berrando, persoas que coñecen ao tipo que teñen ao lado desde hai vinte anos e esa desagradable tendencia a pensar que unha bancada tamén pertence sentimentalmente a quen a habita.

Iso está anticuado.

O fútbol moderno necesita servizos.

Así que eu propoño instalar un hotel directamente en Maratón Inferior.

Hotel Maratón Palace. Cinco estrelas.

Habitación individual con vistas ao lateral de Yeremay.

Habitación dobre con almorzo e posible fóra de xogo incluído.

Suite presidencial detrás da portería, equipada con minibar, jacuzzi e un botón para chamar ao árbitro cando non che guste unha decisión.

O hóspede poderá solicitar o paquete Experiencia Deportivista Premium: check-in dúas horas antes do partido, copa de benvida, foto cunha bufanda que deberá devolver á saída e quince minutos de ambiente auténtico proporcionado por figurantes contratados especificamente para berrar “Dépor” cando corresponda.

Porque o ambiente tamén hai que profesionalizalo.

Despois estaría a cafetería.

Café Penalti.

Nada de bocadillo envolto en papel de aluminio.

Por favor.

Estamos no século XXI.

Café de especialidade, leite de avea, croissant artesanal e torrada de aguacate mentres o Dépor defende un córner.

—Perdoe, marcamos?

—Non o sei, señor. Estaba escumando o cappuccino.

Tamén instalaría un restaurante panorámico.

O Fóra de Xogo Gastrobar.

Menú degustación de once pratos, un por cada xogador.

O porteiro sería un entrante frío.

O centrocampista, algo conceptual.

E o dianteiro, naturalmente, non chegaría á mesa ata o minuto 93.

Pero falta entretemento.

Porque unha persoa non pode ir simplemente ao fútbol para ver fútbol.

Que barbaridade.

Necesitamos unha zona infantil con piscinas de bolas, realidade virtual, consolas e monitores. Os nenos poderán xogar a un simulador extraordinariamente realista no que terán que conseguir unha entrada para un partido sen perder a paciencia.

Nivel experto.

Tamén poderiamos instalar unha bolera.

Bowling Riazor.

Se o partido sae malo, no descanso baixas botar unha partida.

E se hai prórroga, dúas.

Un pequeno casino non estaría mal, aínda que o chamaríamos “centro de predición deportiva responsable” para que pareza máis elegante.

Rouleta branca e azul.

Apostas: canto tardará alguén en preguntar que demo fixeron coa bancada?

E, naturalmente, un spa.

Isto é fundamental.

Spa Branquiazul.

Sauna finlandesa para os que aínda recordan o fútbol dos domingos.

Baño turco para quen leve meses intentando comprender determinadas decisións.

E unha piscina de auga fría destinada exclusivamente aos afeccionados que entren alterados.

—Veño protestar.

—Perfecto. Vinte minutos de hidroterapia e xa verá como se lle pasa.

Porque quizais aí estea a verdadeira grandeza do método.

Non convencer.

Non explicar.

Non sentarse diante da xente, escoitala, reflexionar sobre o que di e aceptar sequera a posibilidade de que algunha das súas propostas poida ter sentido.

Iso sería terriblemente cansado.

Moito máis eficaz é outra estratexia.

Esperar.

Esperar a que protesten.

Esperar a que pregunten.

Esperar a que insistan.

Esperar a que se aburran.

Esperar ata que un día alguén diga:

—Mira, déixao. Xa non podo máis.

E asunto resolto.

Non gañaches o debate.

Conseguiches algo moito máis cómodo: que o outro abandone.

Por iso ao meu Maratón Inferior Resort aínda lle falta unha última instalación.

Unha enorme sala de espera.

Sen reloxo.

Sen ventás.

Sen información.

Collerías número na entrada.

Quenda 1.908.

Nunha pantalla aparecería eternamente:

“Estamos estudando a súa solicitude.”

E alí quedarías.

Ata cansarte.

Porque ás veces o silencio tamén pode ser unha política de xestión.

E o cansazo, unha ferramenta extraordinariamente eficaz.

Mentres tanto, o fútbol seguiría chegando a Riazor.

Pero cada vez viría acompañado de máis cousas.

Hotel.

Restaurante.

Cafetería.

Zona VIP.

Spa.

Centro de ocio.

Experiencias.

Servizos.

Paquetes.

Produtos.

Todo pensado para o afeccionado.

Todo absolutamente pensado para el.

Excepto unha pequena extravagancia:

preguntarlle que fútbol quere vivir.

E talvez algún día entremos en Riazor, miremos cara a Maratón Inferior e xa non saibamos moi ben se estamos nun estadio ou esperando que alguén nos entregue a pulseira do todo incluído.

Iso si.

O fútbol estará alí.

Nalgún sitio.

Probablemente entre o spa e a cafetería.

Imagen realizada con IA

Comparte éste artículo
No hay comentarios