Ecoloxistas en Acción amosou a súa repulsa ante a brutal agresión sufrida por un matrimonio de arredor de 60 anos e os seus dous fillos na cafetaría dun coñecido hotel de Pontevedra, tras participar na manifestación antitaurina convocada pola plataforma Touradas Fóra de Pontevedra.
Segundo denuncia a organización ecoloxista xunto con outras entidades sociais, os feitos aconteceron cando a familia acudiu ao establecemento na busca de refrixerio e uso dos servizos sanitarios. Nese momento, un grupo de máis dunha ducia de persoas, entre os que se atopaban toureiros e membros das súas cuadrillas aloxados no hotel, increpou, insultou e agrediu fisicamente aos integrantes da familia polo mero feito de levar camisetas coa lema «Tauromaquia Abolición».
![]()
Segundo consta nos partes médicos de urxencias, as vítimas sufriron golpes no tórax, na cara e nas pernas froito dos empurróns, coaccións e agresións directas executadas polo grupo. Ante a gravidade da situación, a familia alertou ao 112, o que mobilizou ata o lugar a unha dotación da Policía Nacional e a unha ambulancia para atender aos feridos.
Oposición social á tauromaquia e ás axudas públicas
Desde Ecoloxistas en Acción puxeron en valor o civismo e o carácter pacífico da cidadanía galega na masiva mobilización do pasado sábado 8 de agosto contra a tortura animal na praza de touros pontevedresa.
A organización sinalou que o éxito da convocatoria evidencia a profunda desconexión da sociedade galega coa normativa autonómica actual —que exclúe a tauromaquia da lexislación sobre maltrato animal—, así como co financiamento público que estas actividades reciben por parte da Deputación Provincial de Pontevedra. A entidade cuestiona que se continúe a considerar a tortura animal como un feito cultural ou duns hipotéticos valores turísticos.
Ecoloxistas en Acción e o resto de organizacións convocantes trasladaron a súa total solidariedade coa familia agredida, apoiando a denuncia presentada e amosando o seu rexeitamento absoluto a uns comportamentos violentos que consideran indignantes e inaceptables.