‘A Laracha no tempo’ propón un percorrido pola historia e o patrimonio municipal a través de 5 visitas guiadas

O programa permitirá coñecer, seguindo unha orde cronolóxica, algúns dos lugares máis representativos da historia do concello da Laracha.

O Concello pon en marcha ‘A Laracha no tempo’, un novo programa de visitas guiadas que convida a percorrer a historia do municipio a través dalgúns dos seus principais elementos patrimoniais. A proposta combina divulgación histórica, cultura e turismo e permitirá achegarse a diferentes lugares e espazos que forman parte da identidade da Laracha.

As cinco citas están organizadas seguindo un fío cronolóxico, de maneira que o programa parte das primeiras poboacións coñecidas no territorio e avanza ata épocas máis recentes. A visita inicial será o 26 de agosto (18:00 horas) no Castro de Montes Claros, nunha achega ao mundo castrexo e ás comunidades que habitaron estas terras na antigüidade.

A segunda cita é o 2 de setembro (18:00 h), no mosteiro de San Pedro de Soandres, o elemento do patrimonio arquitectónico máis destacados do municipio. A visita permitirá coñecer a historia deste antigo templo, cuxas orixes se sitúan no século X, así como a súa importancia ao longo da historia.


O programa continuará o 5 de setembro (12:00 h), na capela de Santa Margarida de Montemaior para coñecer a historia e as características deste templo e o seu vínculo co territorio no que se localiza, cunha fonte milagreira e o antigo hospital dos peregrinos (hoxe transformado en Centro Sociocultural) nas súas inmediacións.

A seguinte cita levará o programa ata Caión o 12 de setembro (12:00 h) cun percorrido pola vila para descubrir o seu patrimonio e a pegada da súa historia ligada ao mar. As súas rúas, edificios e espazos públicos servirán como fío condutor para coñecer a evolución da localidade.

Finalmente, o 19 de setembro (12:00 h), ‘A Laracha no tempo’ chegará ao Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte de Golmar cunha visita guiada. Esta última cita estará dedicada ao patrimonio etnográfico e permitirá coñecer o funcionamento dos muíños de auga e a importancia que tiveron no aproveitamento tradicional dos recursos naturais.

Para poder participar requírese inscrición previa, que pode facerse en liña cubrindo o formulario dispoñible nas redes sociais municipais ou contactando coa Oficina de Información Turística de Caión ou o Museo dos Muíños de Golmar (museodegolmar@alaracha.gal ou 647828559).

Con ‘A Laracha no tempo’ o Concello propón unha maneira diferente de achegarse ao patrimonio local, non só como un conxunto de monumentos e lugares de interese, senón como unha forma de coñecer e entender a historia do municipio e das persoas que o foron construíndo ao longo do tempo.

Comparte éste artículo
No hay comentarios