O portavoz do PP, Antonio Ameijide, pon ao quiosco Mirador do Campus, propiedade da Deputación, como exemplo da política de abandono do patrimonio provincial por parte de PSOE e BNG á fronte da Deputación de Lugo.
O popular explica que “fai 20 anos o quiosco Mirador servía de punto de encontro tanto para lucenses como para estudantes do Campus de Lugo, pero leva xa máis dunha década pechado e abandonado”. O tellado da edificación “está a medio caer froito do abandono de tantos anos” e, ademais, as instalacións atópanse “totalmente vandalizadas” de forma que presenta diversos riscos para os cidadáns que transiten polas inmediacións do Pazo dos Deportes e a zona do Campus entre as facultades de ADE e Humanidades.
Ameijide condena “a desidia do goberno de PSOE e BNG” por deixar estragar esta instalación da súa propiedade. Nese sentido, insta a Carmela López a “cumprir a súa palabra” e recuperar un espazo emblemático que o goberno de PSOE e BNG abandonou durante moitos anos converténdose, incluso, nun perigo para a seguridade de calquera persoa que pase pola zona.
O portavoz do Grupo Provincial Popular lembra que “xa trasladaramos formalmente esta petición ao goberno provincial no Pleno do pasado mes de abril”. Polo que “agardamos que non quede en papel mollado e cumpran cos veciños e veciñas de Lugo”.
OUTROS EXEMPLOS DE ABANDONO
Antonio Ameijide subliña tamén o abandono dos complexos náuticos en diversos municipios da Ribeira Sacra ou do pioneiro complexo turístico en Quiroga -con espazos moi valorados na actualidade como son cámping, área de autocaravanas ou bungalós- impulsado por un goberno do Partido Popular na Deputación de Lugo e que PSOE e BNG manteñen pechado dende fai 20 anos.