O BNG de Pol propón o acodicionamento do Muiño do Pacio despois de recibir queixas sobre a sùa situación

O Muiño do Pacio fora anunciado no seu momento como centro de interpretación da natureza pero nunca chegou a funcionar como tal.

A Concelleira do grupo do BNG de Pol, Branca Fernández, acompañada do responsable local e de militancia do BNG visitaron o Muiño do Pacio despois de recibir queixas de varios colectivos sobre a sùa situación. O Muíño do Pacio é un edificio de máis dun século de antigüidade que outrora proporcionaba electricidade a algunhas das casas próximas situado no concello de Pol. O BNG asegura que deste xeito «camiñaremos desta maneira cara a activación da economía local atraendo visitantes ao noso concello, porque de pouco serve que veñan visitarnos unha vez se nunca máis volven, pola triste razón que ven as infraestructuras abandonadas e unha total falta de iniciativas turísticas onde sen lugar a dùbidas poden existir».

«Acondicionar a zona e limpala para poder desfrutar dela, reconvertindoo para que forme parte dunha iniciativa turística, ao mesmo tempo que poida ser un lugar de reunión» dixo a concelleira do BNG,  Branca Fernández. A proposta do BNG consiste en «Transformalo nun museo ao aire libre ou nun atractivo central de rutas de senderismo fomentando o turismo activo» e «Integrar este e outros muiños como elementos da arquitectura popular para xerar  un relato histórico das parroquias».

A restauración do Muíño do Pacio, foi anunciada para convertelo nun centro de interpretación da natureza e tamén incluíu a reparación da súa canle e da presa para que se utilizase como viveiro de alevíns de troita común. Finalmente, ese centro de interpretación nunca chegou a funcionar, nin para o estudo da flora e a fauna do concello nin para ensinar como se facía a moenda antiguamente. A zona circundante, unha propiedade de 800 metros cadrados, foi restaurada e convertida nunha área recreativa que agora se atopa abandonada e o BNG propón o seu acodicionamento.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios