O Concello de Lugo quere expresar o seu respecto polo traballo que desenvolven as comisións de festas dos barrios e parroquias do municipio, así como pola súa autonomía á hora de deseñar e organizar as súas celebracións.
Neste sentido, o Goberno municipal considera necesario aclarar que o Concello non participa nas decisións que corresponden ás comisións de festas, que son as responsables de determinar os seus programas, actividades, actuacións e demais aspectos relacionados coa organización das celebracións.
No caso concreto das festas da Milagrosa, o Concello de Lugo non realizou ningunha achega económica nin contratación relacionada coa organización das festas. A comisión organizadora é a única responsable da súa programación e da contratación das actividades que forman parte do programa festivo.
A colaboración municipal limítase, como acontece coas demais comisións de festas do municipio, a facilitar e colaborar na tramitación dos permisos e autorizacións necesarios para a celebración das actividades, en cumprimento do compromiso adquirido polo Goberno municipal de apoiar e facilitar o traballo das comisións veciñais.
En relación coa participación da concelleira de Zona Rural, Flor Rubinos, como pregoeira das festas, a propia concelleira decidiu voluntariamente non exercer finalmente como pregoeira, co obxectivo de evitar que a súa participación poida ser utilizada para introducir unha confrontación política nunhas festas que deben seguir sendo, ante todo, dos veciños e da súa comisión organizadora.
Por iso, o Concello pide á oposición que deixe de converter en confrontación política o que non é máis que actividade veciñal e que respecte o traballo das persoas que, de maneira desinteresada, fan posible que os barrios e parroquias de Lugo sigan celebrando as súas festas.
O Goberno municipal quere aproveitar para agradecer publicamente o traballo de todas as comisións de festas, formadas por veciños e veciñas que dedican tempo e esforzo de maneira desinteresada para manter vivas as celebracións dos seus barrios e parroquias.
O Concello desexa que a veciñanza da Milagrosa desfrute, un ano máis, dunha celebración tan arraigada no barrio.