O equipo betanceiro enfróntase ao Culleredo na Copa Galicia.
O Ineltrón Santo Domingo Betanzos prepara xa a súa estrea nesta temporada 26/27. O conxunto betanceiro, que volverá ter como adestrador principal a José Amando Pena “Soviético” e como axudante a Chema Carretero, disputará como todos os anos a Copa Galicia organizada pola FGB antes de iniciar a Liga da Tercera FEB (antiga liga EBA). Así valora o que vén o adestrador betanceiro: “Prevese unha temporada con moito nivel no noso grupo, xa que os equipos reforzaron moito as súas plantillas. Conxuntos como Gijón, Marín, Oviedo, Culleredo, Carballo ou Recoletas Carbajosa Salamanca sumaron xogadores dun nivel moi alto. Nós mantemos no esencial a plantilla do ano pasado, coa baixa importantísima de Dani Martín por motivos laborais. Polo outro lado, estamos traballando con Ernest para que poida volver durante esta temporada despois da gravísima lesión de xeonllo que o tivo parado todo un ano. Tanto os xogadores coma o corpo técnico estamos ilusionados e traballamos duro para poder afrontar a temporada e gañar o meirande número de partidos posibles que nos permita estar no máis alto posible na táboa”.
Tras os partidos de copa (días 6, 13 e 20 de setembro), a liga comezará o 3 de outubro cun desprazamento a Chantada e terá o seu primeiro partido na casa o 11 coa visita da Universidade de Oviedo.
Polo que toca ao partido de Copa desta fin de semana fronte a Culleredo, José Amando Pena “Soviético” ve no rival un dos conxuntos que, a priori, van estar arriba, “xa que é un dos equipos que máis se reforzou”. As expectativas desta competición preliminar, polo demais, son claras: “Enfrontamos estes partidos de Copa Galicia para pór en práctica os nosos sistemas de xogo e que os xogadores vaian rodando”.
A cita terá lugar este domingo 6 de setembro, ás 17h, no pavillón José María Valeiro Iglesias “Tocayo”.
Estrea dos cadetes en Copa Galicia
Á espera do debut das infantís a vindeira semana, o primeiro conxunto do Santo en pórse en marcha xunto co sénior masculino é o cadete de J.Caamaño Arquitecto. O conxunto, adestrado por José Espiñeira, xoga o seu primeiro partido da Copa Galicia de Primeira División visitando o Anexo dos Pazo dos Deportes de Lugo para medirse ao Estudiantes Lugo (sábado 5, 18h).