A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, puxo hoxe en valor a Romaría de Sisalde como un punto de referencia cultural e festivo de Arteixo, capaz de reunir cada ano a miles de persoas arredor da música, da festa e da convivencia.
Durante a súa visita á romaría, Pontón destacou que esta celebración, que se desenvolve desde 2017, soubo combinar a tradición das romarías populares coa música folk e que representa tamén unha forma propia de entender “o noso ocio e a nosa convivencia en Galiza”.
A portavoz nacional puxo en valor a capacidade desta cita para poñer no centro a contorna natural da fraga de Sisalde, así como o asociacionismo cultural e a artesanía da zona, converténdose nun espazo de encontro para a veciñanza e para persoas chegadas de fóra.
Pontón aproveitou a súa presenza en Arteixo para reivindicar tamén o proxecto do BNG para o concello e, nomeadamente, a figura de Carlos López Cotelo, candidato á Alcaldía nas eleccións municipais de 2027, que encabezará por primeira vez a candidatura nacionalista.![]()
“Estamos falando dunha persoa nova, que ten todo o empuxe e experiencia, que quere facer de Arteixo un lugar mellor para vivir”, afirmou Pontón, que asegurou que o BNG vai “dalo todo” para conseguir “abrir un tempo novo neste concello” e mellorar a calidade de vida da veciñanza.
A líder nacionalista salientou que Arteixo é un concello con “moitas posibilidades”, pero tamén con problemas aos que é necesario dar resposta, entre eles o acceso á vivenda e o reforzo dos servizos públicos. Advertiu tamén, da necesidade de actuar para evitar que a falta de acceso á vivenda provoque a expulsión de poboación do concello e defendeu servizos públicos “fortes e sólidos” como unha peza fundamental para garantir a calidade de vida.
“Cremos que esa transformación que se produciu nunha vila como Carballo tamén a podemos traer a Arteixo”, afirmou Pontón, que reivindicou os gobernos municipais do BNG como “un modelo de éxito”.
A portavoz nacional abordou tamén unha cuestión que afecta directamente ás familias de Arteixo e do conxunto de Galiza: o incremento do custo da vida.
Pontón denunciou que mentres soben “a comida, os carburantes ou a electricidade”, o Goberno galego permanece “mirando para outro lado, cruzado de brazos”, mentres cada vez son máis as familias que teñen dificultades para chegar a fin de mes.
“Hoxe hai miles de familias que teñen que facer malabares para poder pagar as facturas, a hipoteca ou o alugueiro”, sinalou, poñendo como exemplo as dificultades engadidas que supón o mes de setembro coa volta ao colexio.
“É moi difícil explicarlle a unha familia que fai malabares para chegar a fin de mes como o Partido Popular pode gastarse até mil euros nunha cadeira para a súa nova sede en San Caetano”, afirmou.
Para Pontón, este exemplo evidencia que “non estamos ante un problema de recursos, senón ante un problema de prioridades”. “As prioridades do Partido Popular están claras, as do BNG son outras moi diferentes”, subliñou a portavoz.