“Con este investimento dotamos as mancomunidades, consorcios e asociacións dos recursos necesarios para desenvolver produtos turísticos de alto valor engadido, profesionalizar a xestión nos destinos e consolidar a provincia como un referente tanto a nivel nacional como internacional”, destaca o vicepresidente, Xosé Regueira.
A Deputación da Coruña confirmou a resolución definitiva do programa de subvencións DP0030 do departamento de Turismo da Deputación da Coruña. Desa liña de axudas, dirixida a entes de xestión, asociacións, mancomunidades e consorcios turísticos para a mellora da calidade, competitividade e actividades turísticas da provincia da Coruña, beneficiaranse este ano 19 entidades, que se repartirán 2 240 758 euros.
O vicepresidente provincial e titular de Turismo, Xosé Regueira, valorou moi positivamente a resolución definitiva dunha convocatoria que “reforza o modelo turístico polo que aposta a Deputación: un modelo de calidade, sostible, descentralizado e respectuoso co territorio”.
Regueira salientou a gran acollida e a calidade dos proxectos presentados: “Con esta liña de axudas, dotamos as mancomunidades, consorcios e asociacións do sector dos recursos necesarios para desenvolver produtos turísticos de alto valor engadido, profesionalizar a xestión nos destinos e consolidar a provincia como un referente tanto a nivel nacional como internacional”.
Para o vicepresidente, o programa “blinda e dá continuidade a proxectos de vertebración territorial”, coma o Xeoparque do Cabo Ortegal, a Reserva de Biosfera das Mariñas Coruñesas, os itinerarios náuticos ou o Camiño Inglés. “Garantir a suficiencia financeira destes entes é clave para que a provincia siga medrando de xeito equilibrado e xerando dinamismo económico no conxunto do territorio”.
Relación de beneficiarios e importes asignados
- Asociación para a xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal: 120 000 € (consolidación, calidade e proxección internacional do Xeoparque).
- Asociación de Concellos do Camiño Inglés: 150 000 € (actividades de mellora da calidade, competitividade e actividades turísticas).
- Asociación Clúster Empresarial de Turismo de Galicia: 140 000 € (Organización dunha feira B2C na Coruña).
- Asociación de Concellos para a Xestión da Comarca do Eume: 64 000 € (proxecto “Eume experiencia” de turismo sostible).
- Asociación de Concellos Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle: 130 000 € (mellora da calidade e actividades na Vía Verde).
- Asociación de OPC de Galicia: 120 000 € (promoción da provincia como destino MICE).
- Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos: 150 000 € (Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas 2026: o corazón verde da provincia da Coruña).
- Asociación de Empresarios e de Promoción Turística Camariñas: 61 340 € (faro de Cabo Vilán: centro cultural, de ocio e turístico).
- Asociación Galega de Actividades Náuticas: 131 560 € (creación de itinerarios culturais náuticos e terrestres nas rías da Coruña e Ferrol).
- Asociación Slow Food Compostela: 112 360 € (mellora da gastronomía local e desenvolvemento de turismo gastronómico sostible na comarca de Ferrol).
- Asociación Socio-Cultural Auga e Sal: 27 428 € (porto de hospitalidade na Vía Querinissima).
- Consorcio de Turismo y Congresos (A Coruña): 150 000 € (mellora da calidade, competitividade e actividades turísticas).
- Costa da Morte Asociación Turística (CMAT): 130 000 € (programa de calidade e promoción de produtos turísticos da Costa da Morte).
- Fundación A Coruña Convention & Visitors Bureau: 140 000 € (captación de turismo MICE e eventos na Coruña e área de influencia).
- Fundación do Instituto Feiral de A Coruña (IFECO): 149 070 € (promoción e mellora de servizos para impacto económico na área de influencia).
- Información e Comunicación Local, S.A. (Turismo de Santiago): 150 000 € (plan de calidade e competitividade turística de Santiago de Compostela).
- Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol: 145 000 € (mellora da calidade e actividades turísticas na comarca).
- Mancomunidade de Municipios Comarca de Ordes: 55 000 € (mellora da calidade no destino da Comarca de Ordes)
- Mancomunidade Ría de Arousa-Zona Norte: 115 000 € (consolidación, promoción e comercialización do destino Barbanza Arousa).