A institución provincial mantén a súa aposta por un ensino público de calidade, con matrícula gratuíta, formación individualizada e prácticas e proxectos en escenarios reais.
O Centro de Formación Audiovisual da Deputación iniciou este mércores o curso 2026-2027 cunha xornada de presentación, na que o equipo directivo e docente deu a benvida ao alumnado de 1º e 2º dos ciclos superiores de Realización de Proxectos Audiovisuais e Espectáculos e de Produción de Proxectos Audiovisuais e Espectáculos.
O día estivo marcado pola expectación, especialmente entre os estudantes de 1º, que coñeceron as instalacións do centro e mantiveron un primeiro contacto cos seus compañeiros e profesores. Ademais, recibiron información sobre a planificación do curso, os horarios e outros aspectos organizativos de interese de cara ao novo ano académico.
Desde a súa posta en marcha no ano 2003, polo Centro de Formación Audiovisual da Deputación preto dun milleiro de alumnos e alumnas pasaron polas súas aulas e instalacións para formarse e dar os primeiros pasos profesionais nun sector.
A institución provincial mantén así a súa aposta por un modelo de ensino público e de calidade, con matrícula gratuíta e unha formación próxima, individualizada e estreitamente vinculada á realidade profesional do sector audiovisual. O centro conta ademais cun equipo formado por nove docentes.
Unha das principais características deste modelo é precisamente a posibilidade de aprender traballando con equipamento técnico e en situacións reais. O centro conta cunha produtora propia na que o alumnado pode realizar prácticas e participar en proxectos audiovisuais, achegándose ás dinámicas de traballo que atopará posteriormente no mercado laboral.
Profesionais con recoñecemento
Esta conexión coa realidade profesional tamén se reflicte na traxectoria dos antigos alumnos e alumnas. En cada edición dos Premios Mestre Mateo, os principais galardóns do audiovisual galego, é habitual atopar entre as candidaturas ou persoas recoñecidas profesionais que pasaron polas aulas do Centro de Formación Audiovisual da Deputación. Unha presenza que evidencia o percorrido profesional de moitos dos estudantes que se formaron neste centro e a súa incorporación ao tecido audiovisual galego.
A relación coa escola, ademais, non remata cando os alumnos e alumnas finalizan os seus estudos. O centro mantén o contacto cos seus antigos estudantes e continúa funcionando como unha ponte co sector profesional, facéndolles chegar ofertas de emprego, oportunidades laborais e outra información de interese para facilitar a súa incorporación e progresión no mercado audiovisual.
Unha resposta ante a falta de formación audiovisual na provincia
A creación do Centro de Formación Audiovisual en 2003 permitiu dar resposta a unha necesidade que existía na provincia de Lugo: contar cunha oferta pública de formación especializada no ámbito da imaxe e o son. Con esta iniciativa, a Deputación facilitou que a mocidade lucense puidese acceder a unha preparación profesional vinculada a un sector en crecemento sen ter que desprazarse fóra da provincia, consolidando desde entón un modelo formativo estreitamente conectado coa realidade profesional do audiovisual galego.
Aínda quedan prazas
O prazo extraordinario de matrícula permanecerá aberto ata o mes de outubro para cubrir as vacantes que quedan nos dous ciclos superiores. As persoas interesadas poden obter información na páxina web da Deputación, chamando ao teléfono 982 284 667 ou acudindo directamente á sede do Centro de Formación Audiovisual, situada na rúa Frei Plácido Rei Lemos, na cidade de Lugo.