O antigo colexio do Sagrado Corazón volve ser desde hoxe dos lucenses. Desde as 10.00 horas, o Concello é oficialmente propietario destas instalacións tras a sinatura da acta de expropiación. Este constitúe o paso necesario para desbloquear este espazo e avanzar no proxecto do novo centro de saúde do Sagrado Corazón.
«Cando asumimos o Goberno municipal dixemos que iamos recuperar este espazo para o barrio. Hoxe damos ese paso», destacou a alcaldesa, quen engadiu que «volver entrar aquí, acompañada polos veciños, ten ademais un significado especial. Neste lugar estiveron as aulas nas que durante anos se formaron moitos nenos e nenas do barrio. Agora comeza unha nova etapa para estas instalacións».



O proxecto previsto para o complexo estrutúrase nos seguintes eixes de actuación:
• Novo centro de saúde: Na zona que ocupa a pista polideportiva acondicionarase o novo centro de saúde. Esta infraestrutura dará asistencia a preto de 10.000 veciños e veciñas e contará con sete consultas de medicina familiar e comunitaria, sete de enfermería, área de pediatría, sala de toma de mostras e espazos para docencia, entre outras dependencias.
• Recuperación de espazos comúns: Recuperaranse instalacións como o salón de actos e estudaranse outras alternativas para habilitar novos servizos contando coa participación da veciñanza.
• Apertura provisional da pista: Mentres non se execute o proxecto do centro de saúde, intervirase na pista deportiva para poder abrila e poñela ao servizo do barrio.
• Mellora da accesibilidade: Tamén se dará unha solución técnica ao problema de accesibilidade do edificio situado no vial que comunica as rúas do Sagrado Corazón e Fontaneira, onde residen 21 familias e que linda directamente coa pista.
«Dixemos que iamos facelo. Hoxe avanzamos para que este espazo volva ser público, teña novos usos e volva estar ao servizo dos veciños», concluíu a rexedora.