Representantes da Universidade de Santiago de Compostela (USC), da Policía Local, de Bombeiros, de Protección Civil e os concelleiros Agustín Gallego e Javier Vázquez pecharon hoxe o plan de coordinación para a xornada da eclipse deste mércores. A xuntanza serviu para ultimaren os detalles sobre mobilidade, sinalización e emerxencias, co obxectivo de garantir a seguridade dos asistentes.
Puntos de observación e reparto de lentes
Os espazos principais habilitados para seguir o fenómeno serán o adarve da Muralla ( xunto á Catedral) e o parque de Rosalía de Castro (nas inmediacións do miradoiro). Ademais, instalarase un punto informativo no lateral do Concello, cara á praza de Campo Castelo. En todos estes puntos distribuiranse de balde lentes homologadas para unha observación segura.
Programación científica e cultural
A colaboración entre o Concello e a USC inclúe tamén un amplo programa divulgativo e de lecer:
- Instalación dunha pantalla xigante no parque de Rosalía de Castro.
- O concerto de Sonidonia.
- Unha sesión de Cine na Rúa coa película «Amigos Imaginarios».
- O pasarrúas de Kairanka pola Praza do Campo, Soidade e Rúa Nova.
- Apoio loxístico municipal con carpas, mesas, cadeiras e megafonía.
Cortes de tráfico e mobilidade
Para facilitar o fluxo de persoas e a seguridade viaria, prevese o corte de tráfico durante a tarde do mércores nas rúas Pascual Veiga, Cidade de Viveiro e Isaac Díaz Pardo.
Desde o Goberno local salientan que este traballo de coordinación, desenvolvido durante os últimos meses, permitirá que Lugo viva esta cita astronómica excepcional con todas as garantías sanitarias, loxísticas e de seguridade.