Besteiro reprocha a Feijóo usar os menores migrantes para «dividir ao país» e incitar á insubmisión do PP

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, acusou este domingo a Alberto Núñez Feijóo de facer «un claro chamamento á insumisión» ás comunidades gobernadas polo PP para que non acollan os menores migrantes que seguen en Ceuta. Un chamamento, dixo, para non cumprir as leis e para torpedear e obstaculizar. «E para iso válelles calquera cousa», advertiu.

Besteiro falou dun «patriotismo de pacotilla, dun patriotismo de pulseiriña»: «Din que van axudar a Ceuta. E como axudan? Poñendo obstáculos a que os menores non acompañados se reubiquen no resto do territorio, alí onde goberna o Partido Popular». Na cidade autónoma seguen 2.100 nenos e adolescentes, e as comunidades gobernadas polos populares, Galicia incluída, néganse a participar no reparto.

Detrás hai unha decisión consciente, dixo: «utilizar a vulnerabilidade dos menores para dividir este país e xerar moitísima máis tensión». Lembrou de quen estamos a falar. Nenos e nenas, adolescentes que precisan axuda, protección e acollemento dun Estado europeo que cumpra a lei e tamén os dereitos humanos. «Ese é o exemplo que nos está ofrecendo esa dereita reaccionaria», afirmou. «Unha dereita que mira ao futuro partindo da división. Así non se constrúe un país e así tampouco se chega a gobernalo.»

O líder dos socialistas galegos fixo estas declaracións en Cabanas, onde acudiu esta mañá para participar na manifestación convocada pola asociación de propietarios das Fragas do Eume. Levan case trinta anos coidando o parque do que Galicia presume e pagándoo do seu peto. Piden compensacións xustas pero a Xunta nin os recibe.

Tiveron que chegar ao Parlamento Europeo e saír á rúa a recoller sinaturas desde abril para que Rueda os escoite. Nin así. Besteiro reclamou que se retire un plan de xestión aprobado sen consenso e sen resposta ás alegacións dos propietarios. E mentres non os escoitan, o parque arde: o lume de xuño na Capela queimou unhas cincuenta hectáreas dentro do espazo protexido e obrigou a desaloxar Caaveiro. «Sen mantemento e sen prevención non hai fraga que aguante», avisou. «Chega de desatención e chega de imposicións».

A preguntas dos xornalistas sobre a Lei de Netos foi rotundo: “A Lei de Memoria Democrática non lle concedeu a nacionalidade a ninguén como un favor, o que fai e reparar unha situación que se produciu ao comezo da Guerra Civil e nos anos seguintes, cando moita xente tivo que marchar por razóns políticas e tamén económicas que viñan desa mesma guerra e desa mesma división”.

Para Besteiro, é sinxelo de entender: “Quen adquire a nacionalidade adquire un dereito. O que non se lles pode facer é dicirlles que son nacionais a medias, que son nacionais unhas determinadas horas e que despois, cando hai que ir votar, xa deixan de selo», sinalou.

O Tribunal Supremo suspendeu cautelarmente as altas no censo electoral de residentes ausentes de quen obtivo a nacionalidade por esta vía, agás que acredite ser descendente de exiliados. Fíxoo a petición de Vox e da plataforma Iustitia Europa. Xuízas e Xuíces para a Democracia e a Unión Progresista de Fiscais advertiron xa da desproporción dunha medida que afecta a un dereito fundamental.

Besteiro anunciou que os socialistas van combater esa decisión e responsabilizou a Feijóo e a Rueda de alentala durante todo o verán, xunto á ultradereita, coa tese da «enxeñaría electoral». «Un nacional éo a todos os efectos, salvo que haxa unha sentenza que lle quite esa nacionalidade ou o dereito de sufraxio», explicou. «Retirarlle un dereito fundamental a través dunha medida cautelar a alguén que é nacional é unha verdadeira aberración.»

Rematou cun aviso. O futuro que anuncian a dereita e a ultradereita «é un futuro cheo de restricións de dereitos».

«Cando cremos que temos conquistas sociais conseguidas, eu dígolle a todo o mundo que isto non é definitivo. Hai xente disposta a volver atrás. E a volver atrás moitos anos.» O exemplo é esa persoa que un día recibe unha carta na que se lle di que é española. Pero non a todos os efectos. Para votar, non.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios