As embarcacións tradicionais do río Miño protagonizan a 2ª fin de semana do Festival PeDra

O festival de saberes PeDra encheu de actividades patrimoniais e culturais os concellos de Cea e Toén, reunindo a varios centos de persoas no rural ourensán.

A sexta edición do Festival PeDra completou a súa segunda fin de semana cunha ampla asistencia de público nas localidades de Viduedo (San Cristovo de Cea) e Puga (Toén). Con actividades centradas no patrimonio cultural, a iniciativa reuniu a preto de trescentas persoas arredor da tradición, a historia local e o contacto coa natureza.

Rutas patrimoniais e recoñecemento cultural en Cea

A xornada do sábado arrancou no concello de San Cristovo de Cea, onde case un cento de participantes percorreu a zona para coñecer de preto proxectos culturais senlleiros, entre os que destacou a visita ao obradoiro de instrumentos de música tradicional O Reberete.

Ao medio día tivo lugar un dos momentos máis emotivos da xornada coa entrega do 1º Premio ao Compromiso Cultural e Social do Festival PeDra. A organización outorgoulle este recoñecemento a Miguel Doval en gratitude pola súa implicación constante coa dinamización cultural e coa xuventude da comarca.

Recuperación da historia fluvial e botadura de batuxos en Toén

O domingo, a actividade trasládouse a Puga (Toén), onde dúascentas persoas se congregaron para afondar na memoria histórica dos antigos portos do río Miño. O prato forte do día foi a botadura de diferentes modelos de embarcacións tradicionais, permitindo aos asistentes reconectar coa vella tradición fluvial da zona.

Os máis pequenos puideron vivir a experiencia de navegar nun batuxo, a embarcación tradicional empregada historicamente polos viticultores e bodegueiros na viticultura heroica da Ribeira Sacra para transportar a uva e traballar o río arriba.

A xornada dominical e o peche da fin de semana contaron cunha sesión de contacontos a cargo do dicidor Anxo Moure e a actuación musical da banda Columa Vegana.

Proxima cita do Festival PeDra

O Festival PeDra continuará coa súa programación o vindeiro 25 de setembro na Fundación Otero Pedrayo (Trasalba, Amoeiro). Esta 6ª edición conta coa cofinanciación da Xunta de Galicia no marco do programa O Teu Xacobeo.

Comparte éste artículo
No hay comentarios