Rego esixe ao Goberno a mellora das axudas ao gasóleo na pesca pola suba dos prezos

A organización nacionalista considera urxente acordar o incremento das axudas e que estas sexan fixada en base ao consumo efectivo e con pagamento inmediato.

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclama ao Goberno en distintas iniciativas parlamentares a adopción de novas medidas encamiñadas a mellorar as axudas ao sector pesqueiro pola suba dos combustíbeis e do resto de insumos. 

Néstor Rego demanda ao Executivo que revise os baremos de compensación canto antes e que se fixen por consumo efectivo e se poidan percibir de forma directa. Así mesmo, insta a que se axilice o pagamento das cantidades que se adebeda ao sector pesqueiro galego por mor das axudas estipuladas no  Real Decreto 7/2026.

O deputado do BNG lembra que o Goberno estabeleceu hai meses a contía de 20 céntimos por litro para a adquisición de gasóleo pesqueiro en función do consumo diario, do seu custo semanal tamén en carburante e os día se actividade, téndose en conta tamén as artes de pesca utilizadas e se opera en caladoiro nacional ou internacional.

“Son axudas paliativas claramente insuficientes, absolutamente superadas polo incremento dos prezos, e que arrastran un importante retraso no seu pagamento. Xa criticadas polo sector no seu momento”, sinala Rego. O prezo do gasóleo incrementouse nun 57% respecto ao prezo anterior á guerra e actualmente ronda o 1,20 euros o litro.

“A compensación non da para nada e o baremo ficou absolutamente desfasado pola situación alcista dos prezos dos combustíbeis polo que debería chegar no mínimo aos 50 céntimos” declara o deputado do BNG.  Esta situación vén engadirse aos moitos problemas que xa padece o sector pesqueiro e ademais, no caso da frota artesanal, a unha perda de produtividade galopante, o que está a provocar unha situación absolutamente inasumíbel e cun gravísimo impacto en todo o sector e especialmente nas frotas de baixura.  

Así, diante da escalada dos prezos dos combustíbeis, dos insumos, da carnada, é imprescindíbel adoptar medidas e solucións solventes, urxentes e áxiles para poder manter a actividade e para que se poida seguir a garantir a subministración de produtos do mar.

Comparte éste artículo
No hay comentarios