A conselleira María José Gómez, en calidade de presidenta do Observatorio, nomeou esta semana os novos vogais, a proposta das entidades ás que se lle outorga a participación neste órgano colexiado de asesoramento, consulta e análise do sector.
O pleno do Observatorio do sector lácteo de Galicia celebrará á volta do verán a súa primeira reunión cos novos vogais nomeados esta semana pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na súa condición de presidenta deste órgano colexiado e a proposta das entidades ás que se lle outorga a participación neste organismo.
Desta forma completarase o proceso iniciado co cambio estrutural do Observatorio, que supuxo unha ampliación dos seus compoñentes e unha nova maneira de exercer as súas funcións, en pleno e en grupos de traballo. Así, a súa máxima responsable vén de nomear os 21 vogais que o conforman, xunto coa propia presidencia e a secretaría, segundo se establece no decreto regulador deste organismo colexiado de asesoramento, consulta e análise do sector lácteo.
O Observatorio vén funcionando dende a súa creación no ano 2007, pero o tempo transcorrido dende aquela e os cambios experimentados nestes anos na produción e na industria, así como na evolución do consumo e dos mercados do leite e dos produtos lácteos a nivel nacional e internacional, aconsellaban adaptalo á realidade actual. Por iso, a Xunta aprobou o Decreto 8/2025, do 20 de xaneiro, co fin de modificar a composición do Observatorio para acoller a todos os elos da cadea de valor do leite: produción, industria, distribución e consumo.
Así mesmo, esta norma redefiniu as funcións da presidencia, da secretaría e das vogalías que o conforman. Neste sentido, cómpre destacar a incorporación ás vogalías da organización de produtores lácteos de Galicia con maior representatividade e da asociación con maior representatividade do sector lácteo galego. Esta incorporación obedece á necesidade de que no Observatorio figuren representados todos os sectores que traballan directa ou indirectamente no sector lácteo.
Grupos de traballo
Ademais, co fin de fortalecer o seu funcionamento ordinario, permítese tamén a creación de grupos de traballo coa participación de persoas expertas no sector lácteo alleas ao Observatorio. Outra das novidades salientables é o feito de engadir entre elas o estudo da cadea de valor e das relacións comerciais e contractuais, pola importancia que esta materia ten no tecido do sector lácteo e na determinación dos prezos.