O PP de Lugo esixe rectificar a “factura sorpresa” da auga ao Concello de Xermade por un convenio do ano 2021 xa finalizado

Os representantes do PP de Lugo critican que a CHMS pretenda xerar liquidacións anuais a 25 anos cambiando as regras do xogo “unha vez rematado o partido” e pasando de cooperar cos concellos a actuar como unha recadadora.

Os senadores do PP de Lugo, José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano, e os deputados no Congreso, Jaime de Olano e Cristina Abades, denunciaron hoxe a intención da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil de pasar liquidacións indebidas aos concellos lucenses por obras con convenios asinados e pechados con anterioridade á modificación lexislativa de maio de 2023. 

Os parlamentarios populares puxeron como exemplo o caso do Concello de Xermade, que está a recibir cobros por unha taxa que non figuraba nas condicións orixinais do seu acordo. Concretamente, o convenio para as obras de rehabilitación do sistema de saneamento e depuración do núcleo de O Campo da Feira —cun importe total de 320.000 euros— que foi asinado o 7 de outubro de 2021 e atópase xa finalizado. 

A pesar disto, a CHMS emitiu o 29 de abril de 2025 unha liquidación pola Tarifa de Utilización da Auga (TUA) de 8.483,95 euros e aprobou para o exercicio de 2026 outra contía de 8.144,59 euros. A esta cifra súmase ademais no ano 2026 unha liquidación aprobada de 1.589,16 euros polas obras de protección e estabilización da marxe esquerda do Rego do Campo en Cabreiros. 

CAMBIO DAS REGRAS DO XOGO A POSTERIORI

Segundo explican tanto os deputados como os senadores populares, a propia resposta oficial do Goberno recoñece que a esixencia da TUA para este tipo de obras hidráulicas deriva da modificación do Texto Refundido da Ley de Aguas a través do Real Decreto-ley 4/2023, do 11 de maio. 

“As liquidacións que pretendan cobrar por convenios e obras iniciadas a partir do 11 de maio de 2023 poden axustarse á legalidade, pero no caso de Xermade estamos ante un convenio asinado no ano 2021, moito antes da entrada en vigor do decreto”, lembraron, ao que engadiron “sorpréndenos enormemente que a CHMS pretenda xerar liquidacións anuais durante os próximos 25 anos cambiando as regras do xogo unha vez rematado o partido e sabendo o resultado”. 

DE ENTIDADE COOPERADORA A ÓRGANO RECADADOR

Os representantes do PP no Senado e no Congreso lamentaron a deriva deste organismo, asegurando que “a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil pasou de ser unha entidade cooperadora dos concellos para a mellora dos servizos veciñais a converterse nunha mera axente recadadora para facer caixa a costa do orzamento municipal”. 

Esta denuncia súmase á ofensiva parlamentaria mantida polo PP de Lugo, que cifra no entorno dos 17 millóns de euros o impacto económico total que a CHMS pretende esixir aos municipios da provincia ao longo do próximo cuarto de século por convenios antigos. 

Os representantes do PP de Lugo avanzaron que demandarán explicacións e unha rectificación inmediata ao Ministerio para a Transición Ecolóxica para que paralice estas liquidacións retroactivas. “Se un tributo ou taxa non existía nin estaba recollido cando se firmou o convenio, o Goberno non lle pode inventar agora unha factura a posteriori aos veciños de Xermade nin de ningún outro concello da provincia”, concluíron.

Comparte éste artículo
No hay comentarios