Pasado e futuro danse a man no novo sinxelo da banda galega Rager, Estou na lavadora. Esta reedición do mítico himno da banda ponteareá O Caimán do Río Tea, conecta dúas xeracións bastante alonxadas baixo un mesmo elemento, a lembranza e homenaxe ao Xabarin Club. Desta maneira, o grupo pontevedrés trata de deixar a súa pegada no tema sen perder a esencia orixinal que marcou a tantos galegos. Con este lanzamento, a banda celebra un verán inmellorable, tras a súa presencia nalgúns dos maiores festivais de Galicia, como son SonRías Baixas ou BIGOSUND Pontevedra, onde amosaron que son unha das caras máis prometedoras da escena emerxente galega.
Pese á súa xuventude, todas as persoas integrantes de Rager lembran ver e medrar co mítico programa infantil e xuvenil da Televisión de Galicia, para quenes foi un auténtico privilexio darlle outra nova vida a unha das cancións galegas máis míticas. Como apunta a banda, reconstruír este tema para darlle o seu toque máis persoal foi moi sinxelo e fluído, tendo en conta que os arranxos ao tema foron moi naturais.
Esta versión cociñouse arredor do filme documental Bravú XXX, realizado por Nós Televisión, no que se puxo en valor e conmemorou os 30 anos do Rock bravú galego. Esta adaptación da banda foi a encargada de abrir a peza conducida por unha das figuras máis históricas do xénero, Xurxo Souto. O grupo destaca o importante que foi coincidir e falar tanto con Xurxo como a súa banda, Orquestra Bravú Xangai, cos que compartiron escenario no Culturgal, e dos que extraen o apoio e a motivación que sentiron ao convivir e entablar relación con eles.
PRÓXIMAS DATAS EN DIRECTO
26/09 · Festival Psicotroita · Sigüeiro
MÁIS SOBRE RAGER
Rager é a voz das xeracións futuras. Coa súa mestura visceral do rock e o punk coa electrónica, a banda galega emerxe como unha das figuras máis prometedoras do panorama musical actual. Con rabia, reivindicación e enerxía, a banda érguese como estandarte das novas xeracións cun discurso e idioma propio que busca dar de que falar e escoitar a quen se atreva. Combatividade, identidade e guitarras para alzar a voz dende o inconformismo, aportando e enriquecendo unha escena emerxente con tendencia ao urbano e cada vez máis lonxe dos riffs, os berros e a mentalidade crítica.
Nacida en 2022, a banda dá os seus primeiros pasos cunha firmeza que rápido as posiciona como unha das grandes figuras da nova fornada de promesas da música en galego, chamando a atención de estandartes como Xurxo Souto, lenda do rock bravú galego, co que colaboraron participando no seu documental Bravú XXX.
Con xa numerosos concertos por Galicia ás súas costas, saltando incluso a fronteira ata Portugal, a banda encara un 2026 no que xapisaron varios dos festivais máis importantes de Galicia, compartindo cartel e escenario con artistas estatais e internacionais. Desta maneira, chegan para amosar que con personalidade e dende as marxes tamén se pode desenvolver unha carreira musical, recollendo ese futuro prometedor para convertelo nunha realidade. A agrupación está a traballar no estudo para que este ano poida ver a luz o seu primeiro traballo discográfico.