O BNG de Vilalba agradece o seu traballo, compromiso e dedicación durante esta etapa como representante municipal da organización
Tino Alvite participou este xoves no seu último pleno como concelleiro do BNG na Corporación municipal de Vilalba, tras tomar a decisión de renunciar á súa acta por motivos persoais.
Ao remate da sesión, Alvite recibiu o agradecemento dos concelleiros e concelleiras da Corporación polo traballo desenvolvido durante a súa etapa como representante municipal e pola súa dedicación á actividade política e institucional do Concello.
Desde o BNG de Vilalba, compañeiros e compañeiras queren trasladarlle tamén o seu recoñecemento e agradecemento polo tempo, o traballo e o compromiso que dedicou á organización e, especialmente, pola súa contribución durante esta etapa desde o grupo municipal.
O BNG destaca a súa disposición permanente a traballar por Vilalba e pola súa veciñanza, así como o compañeirismo demostrado ao longo destes anos.
A organización local deséxalle o mellor nesta nova etapa e agradece sinceramente todo o traballo compartido, coa certeza de que a súa achega deixa unha pegada no traballo colectivo desenvolvido polo BNG de Vilalba.